A Deputación renova a colaboración coa CEL cunha achega de 40.000€
“Neste momento é preciso que todos cooperemos dende as nosas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a actividade económica e superar do mellor modo posible un panorama complexo pola pandemia”, subliñou o Presidente
A Deputación de Lugo vén de renovar a colaboración económica anual coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) cunha achega de 40.000€ para este 2021. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e o presidente da CEL, Eduardo Valín, asinaron este venres no Pazo de San Marcos este convenio, que servirá para sufragar os gastos xerais de funcionamento desta entidade. Á firma asistiu tamén o secretario xeral da CEL, Jaime López Vázquez.
José Tomé explicou que este é un exemplo da colaboración que mantén a Deputación co tecido produtivo da provincia e sinalou que “neste momento é preciso que todos cooperemos dende as nosas respectivas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a actividade económica e superar do mellor modo posible un panorama complexo pola pandemia”.
O Presidente destacou que ante os “grandes retos que temos por diante”, a CEL “vai a seguir sendo un axente socioeconómico moi importante para a nosa provincia. A súa aposta polo traballo común, a colaboración, a defensa dos intereses da provincia e o respaldo aos empresariado son ferramentas que necesitamos hoxe máis ca nunca. O traballo do tecido empresarial está comprometido coa nosa provincia, cos postos de traballo, o I+D, e o impulso de sectores como o agrogandeiro, o comercio, a hostalería, o turismo ou a industria”.
Dende a Deputación de Lugo, José Tomé asegurou que, “aproveitando todas as posibilidades de colaboración público-privada, seguiremos abertos a apoiar o traballo que vén facendo a CEL para seguir apoiando o desenvolvemento da provincia”.
A Confederación de Empresarios de Lugo foi fundada en 1977 como entidade sen ánimo de lucro, de carácter intersectorial e de ámbito provincial.