Deputación de Lugo

A Deputación renova a colaboración coa CEL cunha achega de 40.000€

CEL
convenios
O Presidente e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo asinaron un convenio que José Tomé Roca puxo como “exemplo da colaboración que esta institución provincial mantén co tecido produtivo da nosa provincia”

“Neste momento é preciso que todos cooperemos dende as nosas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a actividade económica e superar do mellor modo posible un panorama complexo pola pandemia”, subliñou o Presidente

A Deputación de Lugo vén de renovar a colaboración económica anual coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) cunha achega de 40.000€ para este 2021. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, e o presidente da CEL, Eduardo Valín, asinaron este venres no Pazo de San Marcos este convenio, que servirá para sufragar os gastos xerais de funcionamento desta entidade. Á firma asistiu tamén o secretario xeral da CEL, Jaime López Vázquez.

José Tomé explicou que este é un exemplo da colaboración que mantén a Deputación co tecido produtivo da provincia e sinalou que “neste momento é preciso que todos cooperemos dende as nosas respectivas responsabilidades para conseguir reactivar canto antes a actividade económica e superar do mellor modo posible un panorama complexo pola pandemia”.

O Presidente destacou que ante os “grandes retos que temos por diante”, a CEL “vai a seguir sendo un axente socioeconómico moi importante para a nosa provincia. A súa aposta polo traballo común, a colaboración, a defensa dos intereses da provincia e o respaldo aos empresariado son ferramentas que necesitamos hoxe máis ca nunca. O traballo do tecido empresarial está comprometido coa nosa provincia, cos postos de traballo, o I+D, e o impulso de sectores como o agrogandeiro, o comercio, a hostalería, o turismo ou a industria”.

Dende a Deputación de Lugo, José Tomé asegurou que, “aproveitando todas as posibilidades de colaboración público-privada, seguiremos abertos a apoiar o traballo que vén facendo a CEL para seguir apoiando o desenvolvemento da provincia”.

A Confederación de Empresarios de Lugo foi fundada en 1977 como entidade sen ánimo de lucro, de carácter intersectorial e de ámbito provincial.