SERVIZOS AOS CONCELLOS


Cooperación con concellos

A asistencia e cooperación cos Concellos constitúe un eixo estratéxico da actuación da Deputación. Dende a Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos e Medio Ambiente, o organismo provincial traballa por impulsar medidas de xestión que favorezan aos municipios, especialmente no caso daqueles con máis dificultades para prestar os servizos que demanda a cidadanía.

O ordenamento local foi situando ás Deputacións Provinciais como entidades supramunicipais ás que, ademais de recoñecerlles un ámbito de intereses propios no que se concreta a garantía institucional que toda organización precisa para ser socialmente recoñecible, lles atribúe como misión fundamental a de garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal. O obxectivo neste eido é asegurar a prestación integral e axeitada na totalidade do territorio provincial dos servizos de competencia municipal.

A Deputación debe asumir, como finalidade institucional básica, ser o soporte da asistencia e cooperación cos Concellos (así se recolle na Declaración de Lugo da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da FEMP do 7 de novembro de 2008) de cara a garantir a prestación integral dos servizos públicos de proximidade, que tan decisivamente determinan a calidade de vida dos cidadáns.

As relacións de cooperación e colaboración deben estar presididas polo mutuo recoñecemento entre iguais, principio do que emana a cláusula de participación como condición, entre outras, para unha democracia de calidade.

A articulación da cooperación como instrumento das políticas públicas dos entes locais dun determinado territorio, demanda unha nova visión da provincia que, superando o vello principio de xerarquía entre Concellos e Deputacións, a configure como rede de municipios. Trátase dunha rede na que a Deputación e os Concellos se recoñecen mutuamente como partícipes en pé de igualdade na consecución dos fins públicos para os que naceron.

A Deputación de Lugo acredita unha firme e decidida vontade política de reforzar e ampliar os servizos de asistencia de cooperación cos Concellos.