A INSTITUCIÓN


A Deputación de Lugo é unha institución pública que presta servizos directos aos cidadáns e apoio técnico, económico e tecnolóxico aos 67 Concellos da provincia. Ten unha importante misión no proceso de organización do conxunto das administracións. Trátase dun organismo territorial operativo, eficaz para coñecer a realidade municipal de xeito inmediato, comprender as relacións entre concellos e achegar solucións contra os desequilibrios existentes entre eles, próximos ou distantes, pero con capacidade para complementarse.

O seu carácter de órgano intermedio confírelle un papel moi importante como colaboradora necesaria das pequenas administracións municipais, de coordinadora dos recursos e servizos compartidos, de mediadora entre os intereses contrapostos ou localistas e executoria das reivindicacións comúns ou específicas ante outras instancias superiores, entre outras moitas facetas.

 

HISTORIA


Cando aparece o concepto e a idea liberal das deputacións provinciais para unha mellor organización do territorio de España no 1812, a proposta para Galicia figuraba como un territorio único baixo unha única deputación. Así, no 1813 créase a primeira Deputación única de Galicia con sede en Santiago de Compostela, que terá vixencia ata 1820 ao constituírse a segunda Deputación Única na Coruña. Durante o Trienio Liberal (1820-1823), Galicia foi dividida en cinco provincias: A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Villafranca del Bierzo. Coa reimplantación do absolutismo de Fernando VII, no 1823, desaparecen as deputacións provinciais en todo o territorio español, durante a chamada Década Ominosa (1823-1833).

Unha vez restablecido o constitucionalismo, a Deputación Provincial de Lugo refundouse en novembro de 1835, logo da desaparición da Deputación de Galicia. O territorio da súa Administración correspondíase coa antiga provincia e diócese de Lugo e a meirande parte da de Mondoñedo. As funcións que asume son a beneficiencia, mellora da rede viaria, fomento do ensino e recuperación de monumentos.

No 1833, o proxecto de Javier de Burgos dividiu Galicia nas catro provincias actuais, malia que será durante a rexencia de María Cristina cando os límites das provincias galegas queden definitivamente marcadas no mapa.

Será no ano 1925 cando se publique o Estatuto Provincial do 20 de marzo, no que se recollen os fundamentos lexislativos, xurídicos e administrativos das deputacións. A II República disolve a corporación provincial, asumindo as súas funcións unha comisión xestora. Tamén no ano 1936, tras o golpe militar, unha comisión xestora franquista asume o goberno provincial, cuxos avatares seguirán os mesmos vieiros que o resto das deputacións doutras provincias baixo a ditadura.

A Deputación de Lugo constitúese como organismo democrático no ano 1979, dentro do proceso da Transición, cunha estrutura e regulamentación xa moi similares ás de hoxe en día.

O goberno provincial lucense ten a súa sede no Pazo de San Marcos.

Fachada San Marcos