MencIA: Estratexia de Intelixencia Artificial da Deputación de Lugo


Banner Mencia

 

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, en sesión ordinaria celebrada o 26 de maio de 2026, aprobou por unanimidade MencIA, a estratexia de Intelixencia Artificial da Deputación de Lugo para o período 2026-2030, como marco político-estratéxico da política provincial en materia de intelixencia artificial.


A estratexia fixa a visión, os principios reitores, a arquitectura institucional, a folla de ruta e os indicadores de seguimento da política de intelixencia artificial da Deputación de Lugo, e remite ao desenvolvemento posterior, mediante instrumentos propios, dos documentos complementarios que a despreguen no nivel operativo: a política de uso responsable da IA, o código de conduta MencIA, o protocolo de xestión de incidentes e modelo de avaliación de impacto, e a guía de contratación responsable de IA.


Esta estratexia de intelixencia artificial nace da experiencia acumulada no Laboratorio de IA da Deputación, instalado en servidores propios e baseado integramente en modelos de código aberto e de pesos abertos, que xa conta con oito aplicacións e nove asistentes listos para poñer en produción. Este laboratorio materializa o modelo de soberanía tecnolóxica realista que sustenta toda a estratexia: os datos sensibles nunca abandonan os servidores da institución. Sobre esa base, MencIA estrutúrase en catro piares: gobernanza e cumprimento normativo; transformación dixital interna; IA ao servizo dos 66 municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes; e contribución ao ecosistema territorial provincial. A plena funcionalidade en lingua galega de todos os sistemas que se despreguen é un compromiso irrenunciable e condición necesaria para a validación de calquera ferramenta.


MencIA enmárcase no contexto do Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño de 2024 (AI Act), e aliñase, entre outras, coa Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial 2024 do Goberno de España e coa Estratexia de Intelixencia Artificial de Galicia 2030. A Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local, atribúe ás deputacións provinciais funcións de asistencia técnica e económica aos municipios, de fomento do desenvolvemento económico e social e de coordinación dos servizos municipais. A IA, como tecnoloxía transversal, abarca todas estas funcións. Na provincia de Lugo, con 66 dos seus 67 municipios por baixo dos 20.000 habitantes e a maioría por baixo dos 2.000, a inmensa maioría dos concellos non dispón, de capacidade financeira nin técnica suficiente, para licitar, despregar, auditar e manter sistemas de intelixencia artificial. A Deputación é o único actor institucional con escala, mandato e recursos para garantir que os beneficios da IA cheguen a todo o territorio provincial en igualdade de condicións.


Podes descargar o documento da Estratexia MencIA aprobado polo Pleno en galego ou en castelán nas seguintes ligazóns:


A propia estratexia prevé o despregamento dun portal web como ferramenta central da política de transparencia e comunicación da Deputación en materia de intelixencia artificial. En cumprimento do establecido nela, ponse a disposición da cidadanía o Portal MencIA, que centralizará de forma accesible e actualizada a información relevante da estratexia e se irá completando cos contidos previstos na propia estratexia: documentos fundacionais, material formativo, presentacións técnicas, novidades do Laboratorio MencIA e simuladores interactivos das ferramentas desenvolvidas: https://mencia.deputacionlugo.org