Deputación de Lugo
Economía

A Deputación impulsa con 40.000€ a creación dunha rede de oficinas para asesorar sobre o cultivo sostible de froitos do bosque

ASEFOGA
sector primario
O Presidente vén de asinar un acordo de colaboración coa Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) a través do cal aposta pola diversificación do sector primario na provincia, a xeración de emprego e de valor engadido no rural lucense

Ademais da instalación destes puntos informativos nos concellos de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Lugo, Monterroso, Viveiro, Sarria e Vilalba; esta axuda servirá para a celebración de xornadas e diferentes actividades nunha parcela piloto

O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Jacobo Feijóo Lamas, para diversificar o sector primario na provincia, xerar emprego e valor engadido no rural lucense. A achega da institución provincial a esta entidade ascende a 40.000€, un investimento que servirá para impulsar a creación dunha rede de oficinas para asesorar sobre o cultivo de froitos do bosque; a celebración de xornadas técnicas e a realización de diferentes actividades nunha parcela piloto.

Concretamente, estableceranse puntos de información e asesoramento personalizados nos concellos de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Lugo, Monterroso, Viveiro, Sarria e Vilalba. Un servizo que terá carácter presencial, que estarán atendidos por técnicos especializados para que todas aquelas persoas interesadas poidan saber máis sobre o proxecto, os beneficios que ten cultivar froitos do bosque e a rendibilidade dos mesmos. Estes puntos físicos complementaranse coa orientación a distancia a través de redes sociais e medios dixitais. Celebraranse tamén dúas xornadas técnicas a través das cales se explicarán as diferentes especies comprendidas dentro desta clase de cultivo, as diferentes técnicas de cultivo e a oportunidade que poden supoñer como alternativa económica na produción agrícola da provincia. 

A maiores, grazas a esta achega da institución provincial, realizarase un seguimento continuo da parcela piloto de froitos do bosque establecida na provincia para a súa xestión práctica. Realizaranse todos os labores de mantemento precisao para unha boa xestión da mesma: podas, reposición de exemplares secos ou colleita dos froitos.

As moras, arandos e framboesas e demais froitos do bosque son na actualidade un produto en auxe. A súa rusticidade, alta rendibilidade en pequenas parcelas minifundistas e o seu alto valor no mercado, fan deles un cultivo moi interesante para a provincia.