Deputación de Lugo
Formación

A Deputación felicita á promoción de Veterinaria 2016-2021 no seu acto de graduación

universidade
USC
Campus Terra
Veterinaria
O Deputado de Promoción Económica e Social puxo en valor o sistema público universitario, co que colabora a institución provincial “para a mellora das infraestruturas, modernizar a xestión ou contribuír á transferencia do i+D ao tecido produtivo”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, trasladou este sábado os parabéns da Deputación de Lugo á promoción de Veterinaria 2016-2021 no acto de graduación que tivo lugar no auditorio da facultade do Campus Terra. Pablo Rivera puxo en valor, na súa intervención, o sistema público universitario, co que colabora a institución provincial “para a mellora das infraestruturas, modernizar a xestión ou contribuír á transferencia do i+D ao tecido produtivo”.

No acto, que estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López, e que contou coas intervencións do decano da facultade de Veterinaria e padriño da promoción, Gonzalo Fernández, o presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo, José Luis Benedito, e a vicerreitora de Coordinación do Campus lucense, Montserrat Valcárcel, entregouse o premio ao mellor expediente da promoción 2015-2020 ao alumno Alberte Rico Fernández.

“O sistema público universitario de Galicia non ten máis obxectivos que a excelencia na formación, a aposta pola investigación de vangarda, e o compromiso coa terra e cos galegos. Non busca os beneficios económicos para si mesmo; orienta o seu traballo cara o progreso e o desenvolvemento do conxunto da sociedade”, apuntou o Deputado de Promoción Económica e Social, quen engadiu que “por iso, dende a Deputación de Lugo vimos colaborando  historicamente, e o seguimos a facer hoxe, coa Universidade de Santiago e co seu Campus”.

Rivera Capón indicou que o alumnado de Veterinaria que vén de rematar os seus estudos, “ten a responsabilidade derivada de saber que forma parte dun dos mellores sinais de identidade da provincia de Lugo”, porque “dende hai varias décadas, Lugo é, no eido académico e profesional, terra de excelentes veterinarios”. O Deputado engadiu que “dende hai 37 anos, a Facultade de Veterinaria de Lugo tense consolidado como un referente nacional e internacional no desenvolvemento desta disciplina”.