Deputación de Lugo

A Deputación inicia en Cervantes as obras de mellora de 3 estradas provinciais cun investimento de 200.000€

Cervantes
Inicio das obras en Cervantes
A institución provincial comezou esta semana cos traballos de rehabilitación do firme na vía LU-P-1401, que vai de Doiras ata o límite provincial de León; na LU-P-1402, de San Martiño da Ribeira ata Vilaquinte; e na LU-P-1404, de San Román a Quindous

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana os traballos de rehabilitación do firme de tres estradas provinciais ao seu paso polo concello de Cervantes. Trátase dun proxecto conxunto no que a institución provincial inviste máis de 200.000€ para mellorar case 8 quilómetros deste municipio da montaña. 

As obras, executadas por Adecon Obras y Servicios S.L. e que contan cun prazo de execución de 3 meses, realízanse nas seguintes vías:

- Na LU-P-1401, que conecta Doiras co límite provincial de León por Pionerdo, estase a arranxar un treito de case 2 quilómetros, no tramo que vai desde o punto quilométrico 28,5 ao 30,4.
- Na LU-P-1402, que vai desde a parroquia de San Martiño da Ribeira ata a de Vilaquinte pasando por Quindous, as obras afectan a case un quilómetro, desde o punto quilométrico 8,85 ao 9,60.
- E na LU-P-1404, que une a parroquia de San Román coa de Quindous, estanse a acometer melloras nun tramo de algo máis de 5 quilómetros, concretamente, desde o punto quilométrico 5 ao 10,3. 

Nestes tres tramos o proxecto inclúe a reapertura de cunetas, a repavimentación do firme e a posterior sinalización vertical e de balizamento. 

Trátase dunha actuación moi relevante para este municipio da montaña, xa que son estradas con moitas curvas que soportan un elevando volume de tráfico e que ademais, vertebran a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Estas vías, tamén dan acceso a hoteis, apartamentos turísticos, rutas de sendeirismo e elementos patrimoniais de interese como a capela de San Salvador de Vilarello, en Piornedo, ou a Igrexa de San Pedro de Castelo. 

Concretamente, a LU-P-1401 é unha vía que comunica con servicios públicos fundamentais para os veciños e veciñas de Cervantes como o centro de saúde do municipio. Así mesmo, esta estrada conecta coa municipal LU-723 que chega ata o Castelo de Doiras, un dos bens arquitectónicos máis relevantes desta comarca que pode visitarse desde marzo deste ano.