A Deputación e a Mancomunidade impulsan á Mariña como xeodestino de referencia
O acordo permitirá consolidar produtos turísticos sostibles como o programa Plans con corazón ou a rede Turismo Slow Norte de Galicia, e desenvolver accións de comunicación e marketing para reforzar o posicionamento da Mariña
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a presidenta da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Rocío López, asinaron este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración por importe de 25.000€ que permitirá impulsar á Mariña Lucense como xeodestino de referencia para reforzar a promoción turística da comarca e mellorar o posicionamento da marca A Mariña.
“Con esta achega damos continuidade a colaboración anual coa Mancomunidade Lucense, á que achegamos 25.000€ mantendo o compromiso co desenvolvemento turístico da comarca, cos seus veciños e veciñas e coa xeración de riqueza e emprego a través dun sector estratéxico que combina costa e montaña e ofrece unha experiencia única ao visitante”. José Tomé destacou que o turismo sostible e de calidade desempeña un papel crucial no desenvolvemento económico da Mariña, atraendo visitantes ao longo de todo o ano e deixando un valor no territorio en termos económicos e de emprego.
O convenio permitirá consolidar produtos turísticos sostibles, como o programa Plans con Corazón —16 rutas guiadas nos 16 concellos da Mariña—, os Obradoiros con Corazón xunto aos artesáns e artesás locais, e a rede Turismo Slow Norte de Galicia. Ademais, inclúe recursos para accións de comunicación e marketing, atención aos medios e coordinación das redes sociais da Mancomunidade, elementos clave para reforzar o posicionamento da Mariña tanto en Galicia como no norte de España.
Pola súa banda, a Presidenta da Mancomunidade, Rocío López, agradeceu á Deputación esta renovación, sinalando que “esta colaboración segue a ser imprescindible para realizar accións de promoción e comunicación da Mariña. Grazas a este apoio podemos consolidar os nosos produtos turísticos, dinamizar a comarca durante todo o ano e ofrecer experiencias únicas que poñen en valor a riqueza cultural, natural e gastronómica do noso territorio”.
O xeodestino está formado por tres comarcas ao norte da provincia de Lugo: A MariñaOccidental, A Mariña CentraleA Mariña Oriental. Estas comarcas comprenden 15 concellos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.