Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente supervisa a reparación do muro de contención do cemiterio de Altamira de Viveiro

Cemiterio
Viveiro
A Deputación fíxose cargo dos máis de 91.000€ que custaron a redacción do proxecto e os traballos neste recinto danado por unha riada

Ademais da reparación estrutural da parede, renovouse un tramo de recollida de pluviais deteriorado e humanizouse a parte interior do recinto na esquina situada contra o apeadoiro de tren na Ponte Labrada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este martes os traballos de reparación do muro de contención do cemiterio de Altamira, en Viveiro, danado por unha riada. A institución provincial investiu máis de 91.000€ nesta actuación,  que garante a estabilidade do recinto. O mandatario provincial comprobou as obras acometidas, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e coa Alcaldesa da localidade mariñana, María Loureiro García. 

Ademais da reparación estrutural da parede, que presentaba problemas de asentamento na esquina situada contra o apeadoiro de tren na Ponte Labrada, renovouse un tramo de recollida de pluviais deteriorado e humanizouse a parte interior do recinto nesta parte sur con beirarrúas e a instalación dunha varanda. A Deputación de Lugo sufragou o custe total dos traballos e da redacción do proxecto.

“Tratábase dunha actuación moi importante para a veciñanza de Viveiro e que tiña a súa complexidade polo acceso limitado da zona, que só contaba cun camiño de 1,5 metros de ancho por un dos lados”, explicou o Presidente. Tomé Roca argumentou que esta colaboración co Concello de Viveiro “proba unha vez máis o compromiso de colaboración da Deputación de Lugo con todos os municipios da provincia para sacar adiante actuacións importantes para os veciños e veciñas”.

Con estes traballos, a institución provincial resolveu os problemas estruturais nesa parte do cemiterio municipal, que se incrementaron a raíz da riada acontecida en Viveiro en novembro de 2018 e que causaron importantes danos en diferentes lugares do concello, moi especialmente no barrio da Xunqueira.

Logo de visitar o cemiterio, o Presidente, acompañado polos responsables provinciais, asinou coa Alcaldesa a entrega das obras na Casa Consistorial de Viveiro.