Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo licita por 370.000€ a mellora dun novo treito da estrada de Pedrafita a Seoane

Deputación de Lugo
infraestruturas
Rede provincial de estradas
Presidente Xunta de Goberno
A institución ten en marcha as obras nun primeiro tramo da LU-P-1301, hoxe aprobou na Xunta de Goberno sacar a contratación un segundo treito, e a principios do 2022 licitará o terceiro e último, co cal, cumprindo co compromiso do Presidente, o vindeiro ano estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada

Coas tres fases para arranxar a vía, a Deputación levará investido preto de 1M€, “o que beneficiará aos veciños e veciñas da comarca e contribuirá a avanzar cara o equilibrio territorial, imprescindible para o futuro do noso rural”, subliñou José Tomé

Aprobado o procedemento para a venda a través de poxa pública de 34 parcelas no polígono de Friol e 13 no de Baleira, que se suman ás 44 do parque de Castroverde e 11 no de Chantada que a institución acordou allear o mes pasado

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informou este venres de que a Xunta de Goberno aprobou a licitación por 370.000€ das obras de ensanche e mellora dun novo treito da estrada provincial LU-P-1301, que une Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel.

A institución ten a día de hoxe en marcha traballos nun primeiro tramo desta vía cun investimento de 245.000€, hoxe aprobou sacar a contratación o segundo, e a principios do 2022 licitará o terceiro e último, co cal, cumprindo co compromiso do Presidente, o vindeiro ano estará renovada e ampliada a totalidade desta estrada.

“No Pleno provincial adquirín o compromiso como Presidente e como responsable de Xestión Territorial de arranxar os 6 quilómetros desta estrada neste mandato, en tres anualidades. Pois ben, coa licitación que aprobamos hoxe, xa chegamos ao 70% do traxecto da estrada”, explicou Tomé Roca. 

As actuacións contemplan a ampliación da estrada, dos actuais 4 metros ata os 5,5 metros de ancho, a drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal e vertical. Ademais, vanse colocar balizas de neve, paneis direccionais, fitos quilométricos, carteis e novos tramos de barreira metálica de seguridade. 

Tendo en conta que as actuacións se fan na súa totalidade nunha zona que pertence a Rede Natura 2000 dos Ancares, búscase realizar unha actuación cun impacto medioambiental mínimo.

Cando finalicen as tres fases das obras desta estrada, avanzou o Presidente, a Deputación levará investido preto dun millón de euros nesta vía provincial, “o que beneficiará aos veciños e veciñas destes concellos e de toda comarca”.

 

Polígonos industriais

A Xunta de Goberno deste venres tamén lle deu o visto bo ao procedemento para o alleamento dun total de  47 parcelas dos polígonos industriais de Friol e de Baleira, parques que, extinguida SUPLUSA, xestiona agora directamente a Deputación de Lugo. 

En Friol sácanse á venda 34 parcelas, cunha extensión total de case 65.000 metros cadrados, e en Baleira, son 13 parcelas, que suman máis de 20.000 metros cadrados en total. A venda das parcelas farase a través dun procedemento de concorrencia pública mediante a celebración dunha poxa. 

O mes pasado a Xunta de Goberno da Deputación aprobou outro procedemento para a venda de 44 parcelas no parque empresarial de Castroverde e de 11 parcelas no polígono de Chantada. “Desta forma, seguimos contribuíndo ao desenvolvemento do tecido produtivo da provincia a través da implantación de actividades económicas nestes concellos”, subliñou Tomé Roca.

 

Dixitalización do BOP

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta dunha axuda que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lle concedeu á Deputación por un importe de algo máis de 83.000€, e que se destinará á  dixitalización do Boletín Oficial da Provincia (BOP) entre os anos 1834 e 1941, un total de 126.000 páxinas.

Agora mesmo, a Deputación ten dixitalizados todos os boletíns dende o ano 2003, polo que este será un paso máis para salvagardar a información que recolle o Boletín Oficial da Provincia, que conforma tamén unha parte importante do patrimonio e da historia da provincia.  

Contratos

Luz verde tamén na reunión do Goberno celebrada hoxe á licitación dun contrato para a prestación de servizos de colaboración coa Intervención provincial no exercicio das actuacións de control financeiro en materia de subvencións, dentro do Plan Anual de Control Financeiro. Un contrato que sae a licitación por 8.500€ e que terá unha vixencia de 5 meses, con posibilidade de dúas prórrogas. 

Así mesmo, aprobouse a adxudicación por 200.000€ dun contrato para a renovación, mellora e ampliación do centro de proceso de datos da Deputación de Lugo, a infraestrutura necesaria para o funcionamento da Administración electrónica e de todos os procesos informáticos e de telecomunicacións desta institución. A empresa adxudicataria é Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España S.A.U. e a duración do contrato é de 2 anos e 4 meses. 

Ademais, en materia de contratos, déuselle o visto bo ás adxudicacións dos servizos de control sanitario e de control leiteiro da Granxa Gayoso Castro por un importe de preto de 6.000€.