A raza autóctona do porco celta e o compromiso coa tradición, presentes en Son de Lugo

A cría de porco celta voltou para quedarse. Cada vez son máis as apostas de gandeiros e gandeiras por esta raza autóctona, a máis importante en Galiza ata comezos do pasado século XX. A importación de razas foráneas e o cruzamento para obter maiores rendementos cárnicos con menores tempos de cebado prexudicou moito ao porco celta, que actualmente se atopa en perigo de extinción.
No outro lado da balanza están as persoas que ven na cría deste animal a súa profesión e o seu futuro. Unha xeración de gandeiros como Mario Rouco Rey, que tomou a decisión de comezar coa cría de porco celta na súa granxa no 2015, creando a súa propia marca “Céltico” hai case dous anos, baixo o paraugas da asociación que xestiona o patrimonio cultural e xenético da única raza porcina autóctona galega, Asoporcel. A entidade impulsou a súa recuperación a partir dos exemplares que aínda quedaban en distintas granxas familiares, e gandeiros como Rouco recolleron o legado.
No lugar do Seixo, na parroquia do Burgo que pertence ao concello de Muras, este enxeñeiro agrónomo cría entre 40 e 50 porcos celtas ao ano no “Castro de Sianda”, unha granxa de catro hectáreas desde a que se albisca a serra do Xistral. “Para recuperar o rural tamén se ten que poder vivir del, ofrecendo produtos naturais e de calidade, a mellor herdanza dos nosos avós”, afirma Rouco, “fortalecendo a economía circular que nos permite producir alimentos de quilómetro 0, un factor cada vez máis apreciado”.
Son principalmente tres as características que diferencian ao porco celta doutras razas e animais: a cría en extensivo, as características xenéticas e a alimentación.
O sistema de cría do porco celta vén condicionado pola súa rusticidade, tamaño e sistema óseo e muscular moi desenvolvido, o que o converte nunha raza axeitada para a súa explotación en sistemas extensivos ao aire libre. Neste senso, a cría de porco celta é un recurso inmellorable para o silvopastoreo, contribuíndo á limpeza e mantemento dos montes como prevención contra incendios forestais. Landras, castañas e brotes vexetais dos montes galegos son o principal alimento desta raza porcina, ofrecendo unha carne de alto valor nutricional e saudable, moi versátil para a elaboración de produtos cárnicos de calidade. A vida ao aire libre, o potencial xenético e esta alimentación producen carnes con maior retención de auga, concentración e infiltración de graxa intramuscular e alto contido de mioglobina, propiedades nutricionais propias do porco celta.
Céltico comercializa produtos elaborados con esta materia prima exquisita, distribuíndo chourizos, lomo, salchichón (mesturando o porco celta con carne de poldro de pura raza galega), touciño, unto, e outros en distintas tendas gourmet, restaurantes e carnicerías. A premisa fundamental da súa marca é o traballo con razas autóctonas 100% galegas. “A xente valora os produtos de calidade, pagando un valor engadido que require de tempo para poder desfrutar do sabor e de todas as peculiaridades que ofrece a carne de porco celta”. Un tempo “que temos que apreciar nunha sociedade que vai demasiado rápido, querendo as cousas para xa”, sinala Rouco, que defende “os tempos das cousas boas, das que saboreas e das que benefician tanto ás persoas como aos territorios”.
Aínda que polo de agora a marca non está situada en plataformas dixitais propias, animan a asociarse e defender un rural forte, “que conta cunha excesiva burocracia e un mercado no que non é fácil ser competitivo”, pero que sobrevive co compromiso férreo de gandeiros que apostan por un modelo produtivo sostible e respectuoso co entorno. A plataforma de venda en liña impulsada por Medio Rural da Deputación de Lugo dá apoio a iniciativas como Céltico, situando un produto de noso, o porco celta, como un emblema de futuro para o rural. Un futuro ateigado de compromiso e identidade.