Deputación de Lugo

A Deputación repartiu nos concellos 73.000 mascarillas entregadas polo Goberno central

Deputación de Lugo
COVID 19
O Parque Móbil da institución provincial foi o encargado de achegar o material de protección aos municipios, repartidos de xeito proporcional segundo o número de habitantes de cada localidade

A Deputación de Lugo repartiu este luns as 73.000 mascarillas que o Goberno central lle entregou á institución provincial a pasada semana. Coma nas anteriores ocasións, a distribución foi proporcional entre os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Como se vén facendo dende o inicio da pandemia tanto cos pedidos realizados pola Deputación como outros entregados polo Goberno estatal, o material distribuíuse tendo en conta o número de habitantes de cada municipio. A Deputación colabora coa máxima lealdade institucional cos concellos e con outras administracións para que os veciños e veciñas da provincia de Lugo estean protexidos.

Este novo reparto enmárcase no acordo de distribución de material sanitario adoptado polos ministerios de Política Territorial e de Sanidade coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). As tarefas de reparto desenvólveas o persoal do Parque Móbil da Deputación con once vehículos, unha labor coordinada de tal forma que cobre todos os concellos nun día.