Maite Ferreiro visitou o arquivo do Museo de Lugo, que ofrece acceso en liña aos seus fondos
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-02/Maite%20Ferreiro%20na%20visita%20ao%20Arquivo.jpeg)
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou este xoves o Arquivo do Museo Provincial de Lugo para interesarse polos traballos que se desenvolven co obxectivo de facilitar o acceso en liña aos fondos a persoas investigadoras e público interesado.
O arquivo do Rede Museística implantou o software libre AtoM, coa finalidade de dotarse dunha aplicación web específica para a descrición normalizada de fondos e coleccións arquivísticas baseándose nas normas do Consello Internacional de Arquivos, especialmente na ISAD (G).
A través da ligazón www.arquivo.redemuseisticalugo.org pódense visualizar todos os Apeos xunto con documentos como a Cédula Real de Fernando VI (de 1754) ou o Plano das Trazas das casas consistoriais de Lugo (de 1570).
Actualmente consta de 26 elementos organizados en 7 áreas que nos axudan a identificar os fondos ou documentos, facer descricións coherentes, explicar o contido e facilitar a recuperación e intercambio de información.
Física e topograficamente, o arquivo do Museo Provincial de Lugo rematou a súa reorganización na zona de depósito habitilitada a tal efecto para facilitar o acceso aos fondos de xeito doado e coherente organizándose en estanterías e andeis que diferencian o tipo de fondos: públicos, privados e coleccións, ademais de dotalo de soportes axeitados para a conservación dos propios documentos.
Dende o ano 2017 ata finais de 2021 creáronse e revisáronse unhas 290 caixas de documentación que inclúen 47.900 unidades documentais e 48 libros de contas.
Así mesmo dixitalizáronse documentos de vital importancia, moi demandados por parte dos usuarios, para poder consultarse en liña como son os Apeos (documentos lexítimos que acreditan o deslinde ou demarcación dun terreo ou finca). Concretamente están dispoñibles os Apeos do Conde de Altamira, que constan de 5 libros, con máis de 4.000 follas, datados entre os séculos XV e XVII:
• Apeo de Navia (1475-1611): 2 libros cun total de 1.430 follas.
• Apeo de Burón (1490-1603): 2 libros cun total de 2.033 follas. Abarca as terras de Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
• Apeo de Luaces (1602): 1 libro cun total de 940 follas. Abarca o actual concello de Pol.
O Arquivo está dotado do imprescindible Cadro de Clasificación sendo tamén accesible ao público telematicamente. Así mesmo está incluído no Censo-Guía de arquivos de España e Iberoamérica. Ministerio de Cultura y Deporte. www.censoarchivos.mcu.es/CensoGuia/directorioarchivos.htm
Ademais de permitir a consulta non presencial dos documentos devanditos, o Arquivo continuará coa atención directa a investigadores ao tempo que seguirá incrementando os fondos para consultar en liña ata a súa incorporación completa. Para consultas, cita previa ou información ao respecto, as persoas interesadas deben dirixirse a direccion@museolugo.org ou arquivo@museolugo.org