Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro visitou o arquivo do Museo de Lugo, que ofrece acceso en liña aos seus fondos

Maite Ferreiro
MUSEO DE LUGO
A través da Internet, pódense consultar documentos moi demandados por parte de persoas investigadoras como os Apeos do Conde de Altamira

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou este xoves o Arquivo do Museo Provincial de Lugo para interesarse polos traballos que se desenvolven  co obxectivo de facilitar o acceso en liña aos fondos a persoas investigadoras e público interesado.

O arquivo do Rede Museística implantou o software libre AtoM, coa finalidade de dotarse dunha aplicación web específica para a descrición normalizada de fondos e coleccións arquivísticas baseándose nas normas do Consello Internacional de Arquivos, especialmente na ISAD (G).

A través da ligazón  www.arquivo.redemuseisticalugo.org pódense visualizar todos os Apeos xunto con documentos como a Cédula Real de Fernando VI (de 1754) ou o Plano das Trazas das casas consistoriais de Lugo (de 1570).

Actualmente consta de 26 elementos organizados en 7 áreas que nos axudan a identificar os fondos ou documentos, facer descricións coherentes, explicar o contido e facilitar a recuperación e intercambio de información.

Física e topograficamente, o arquivo do Museo Provincial de Lugo rematou a súa reorganización na zona de depósito habitilitada a tal efecto para facilitar o acceso aos fondos de xeito doado e coherente organizándose en estanterías e andeis que diferencian o tipo de fondos: públicos, privados e coleccións, ademais de dotalo de soportes axeitados para a conservación dos propios documentos.

Dende o ano 2017 ata finais de 2021 creáronse e revisáronse unhas 290 caixas de documentación que inclúen 47.900 unidades documentais e 48 libros de contas.

Así mesmo dixitalizáronse documentos de vital importancia,  moi demandados por parte dos usuarios, para poder consultarse en liña como son os Apeos (documentos lexítimos que acreditan o deslinde ou demarcación dun terreo ou finca). Concretamente están dispoñibles os Apeos do Conde de Altamira, que constan de 5 libros, con máis de 4.000 follas, datados entre os séculos XV e XVII:

    • Apeo de Navia (1475-1611): 2 libros cun total de 1.430 follas.
    • Apeo de Burón (1490-1603): 2 libros cun total de 2.033 follas. Abarca as terras de Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
    • Apeo de Luaces (1602): 1 libro cun total de 940 follas. Abarca o actual concello de Pol.

O Arquivo está dotado do imprescindible Cadro de Clasificación sendo tamén accesible ao público telematicamente.  Así mesmo está incluído no Censo-Guía de arquivos de España e Iberoamérica. Ministerio de Cultura y Deporte. www.censoarchivos.mcu.es/CensoGuia/directorioarchivos.htm

Ademais de permitir a consulta  non presencial dos documentos devanditos, o Arquivo continuará coa atención directa a investigadores ao tempo que seguirá incrementando os fondos para consultar en liña ata a súa incorporación completa. Para consultas, cita previa ou información ao respecto, as persoas interesadas deben dirixirse a direccion@museolugo.org ou arquivo@museolugo.org