Deputación de Lugo
Economía

A Deputación celebra a adhesión de ACISA Ribadeo á Confederación Española de Cascos Históricos

comercio local
acisa
Ribadeo
O Deputado de Participación Cidadá destacou o apoio da institución provincial “ao comercio local e de proximidade, que ofrece calidade e atención personalizada, que dá vida e mantén a identidade dos barrios, vilas e cidades, e que crea riqueza e emprego”

A Deputación de Lugo acompañou á Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo no acto de adhesión deste colectivo á Confederación Española de Cascos Históricos (COCAHI), da que xa forman parte máis de medio cento de agrupacións de todo o territorio nacional. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García, participou no acto, que tivo lugar este sábado no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo.

García destacou o traballo da agrupación local e recordou que a institución provincial traballa para “visibilizar e recoñecer o talento e o traballo que desenvolvedes os empresarios e empresarias na provincia de Lugo para facela medrar. Esta adhesión de ACISA a COCAHI demostra que na provincia de Lugo estamos no camiño correcto e este paso, seguro, axudará a coñecer novas formas de traballar e obter resultados positivos. Manter a propia identidade e participar en asociacións de ámbito xeográfico maior son sen dúbida accións complementarias, que se reforzan”.

“O apoio ó comercio local, de proximidade, é unha cuestión fundamental para a Deputación. Un comercio que ofrece calidade e atención personalizada, que dá vida e que mantén a identidade dos nosos barrios e das nosas vilas e cidades, e un comercio que crea riqueza e emprego”, destacou o Deputado. 

Deste xeito, Roberto García Pernas subliñou que a Deputación mantén unha liña de colaboración permanente co sector, que reforzou coa chegada da pandemia a través do Plan de Impulso da Economía da Provincia, con programas como o Coñece a túa provincia, que ofrece a asociacións viaxes gratuítas polos concellos, o que contribúe a dinamizar o comercio e a hostalería; ou o programa Saborea a túa provincia, que consiste en xornadas gastronómicas e de lecer. Destacou tamén os Bonos Impulso, que chegaron a mobilizar 1,5M€ no comercio de proximidade e na hostalería, ou proxectos como Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, que está axudando a pemes e autónomos, 52 deles da comarca da Mariña, a aproveitar as oportunidades das novas tecnoloxías para mellorar o seu negocio”.

No acto premiouse a carreira comercial da empresaria de Ribadeo María Josefa Peña Llano.