Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Ciencia, conservación do territorio e educación ambiental centran a segunda edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural, do 22 ao 24 de abril en Negueira de Muñiz

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
XORNADAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL
ASOCIACIÓN CORRIPA
CIENCIA
DIVULGACIÓN
EL PAÍS DEL ABEYEIRO
Especialistas en botánica, entomoloxía ou neurobioloxía disertarán sobre a biodiversidade e as paisaxes tradicionais no ecomuseo El País del Abeyeiro

Medio Rural da Deputación de Lugo e a Asociación Corripa organizan as xornadas que valoran os entornos naturais da montaña luguesa desde unha perspectiva científica

Mónica Freire sinalou “a importancia de realizar estes encontros divulgativos e formativos no rural”

A segunda edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural, organizadas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo, celebrarase do 22 ao 24 de abril no ecomuseo El País del Abeyeiro en Negueira de Muñiz.  “Ciencia na aldea” é o título xenérico do encontro, que conta coa colaboración da Asociación Corripa e que apela ao coñecemento científico como ferramenta para coñecer e valorar os entornos naturais e rurais.

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, presentou esta mañá o programa das xornadas, acompañada por Alberto Uría, vicepresidente da Asociación Corripa e impulsor do ecomuseo, ubicado en Pena da Nogueira.

A responsábel provincial explicou que “con esta nova edición damos continuidade a unha iniciativa que puxemos en marcha o pasado ano,  en Vilela, en Navia de Suarna, e que continuamos este ano cos mesmos obxectivos: promover a formación e a divulgación arredor do rural e apoiar iniciativas de desenvolvemento como El País del Abeyeiro, que converteu a apicultura tradicional nun motor de dinamización económica e cultural” e subliñou a importancia “de falar do rural desde o rural, poñendo no centro ás persoas que desenvolven os seus proxectos profesionais e vitais no medio rural”

Alberto Uría sinalou, pola súa banda, a oportunidade que “estas xornadas supoñen para a difusión do traballo que vimos desenvolvendo desde Corripa para trasladar á sociedade a importancia de manter as paisaxes tradicionais como garantía de futuro para o medio rural, e especialmente o noso último proxecto, un xardín para polinizadores no que recreamos diferentes ecosistemas da montaña luguesa co obxectivo de que sirva de espazo de investigación científica”.

As persoas asistentes poderán coñecer de primeira man as iniciativas de educación ambiental e conservación do territorio que están a desenvolver entidades de referencia no ámbito estatal como a Fundación Biodiversidad e a Fundación Oxígeno ou os proxectos da Asociación Galega de Custodia do Territorio,  con diferentes liñas centradas na protección de especies e paisaxes ameazados.

O programa inclúe tamén relatorios de científicos e investigadores: botánicos como Bernabé Moya e entomólogos como Luis Óscar Aguado e Félix Torres, que afondarán na importancia da acción polinizadora dos insectos na conservación dos hábitats, e da neurobióloga Conchi Lillo, que ofrecerá unha interesante exposición sobre a evolucion do sistema visual nas distintas especies, desde os insectos ata o ser humano. As súas exposicións teóricas complementaranse con paseos  guiados pola contorna as especies máis habituais na montaña luguesa.

Tamén se abordarán os retos que presenta a comunicación e divulgación cunha ponencia de Sandra Sutherland, xornalista especializada en información ambiental e medio rural que dirixiu o programa de TVE Agrosfera, que tamén participará nunha mesa redonda sobre esta temática con outras comunicadores e investigadores.

Ademais, están previstas dúas saídas nocturnas, unha delas, o venres 22, centrada na escoita dos sons da natureza durante a noite, e outra, o sábado 23, dedicada á observación astronómica.

O domingo será unha xornada de portas abertas no Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, que que rende homenaxe ao activista ambiental, divulgador e ilustrador Fernando Fueyo, que representou as distintas especies de insectos que habitan o xardín para a sinaléctica e unha publicación, a Guía do Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, que se presentará durante esa mañá.

As inscricións para participar poden realizarse na web www.asociacioncorripa.org ou no teléfono 900 26 43 26.

Podes consultar o programa completo aquí.