Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Unhas cen persoas participaron esta fin de semana nas xornadas Ciencia na aldea, organizadas por Medio Rural en Negueira

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
XORNADAS DESENVOLVEMENTO RURAL
EL PAÍS DEL ABEYEIRO
educación ambiental
BIODIVERSIDADE
INSECTOS POLINIZADORES

Unhas cen persoas participaron esta fin de semana na segunda edición das  “Xornadas de Desenvolvemento Rural. Ciencia na aldea", organizadas pola área de Medio Rural e a Asociación Corripa esta fin de semana en Negueira de Muñiz. 

Un encontro formativo e divulgativo que reuniu no ecomuseo El País del Abeyeiro a especialistas en educación ambiental, conservación da natureza, botánica, bioloxía ou comunicación, propoñendo unha aproximación científica á diversidade de fauna e flora da montaña lucense.

Na súa intervención na xornada inaugural, a responsábel provincial sinalou "a boa acollida deste encontro, organizado pola área de Medio Rural e pola Asociación Corripa, e incidiu na necesidade de desenvolver estas iniciativas no rural, apoiando e dinamizando espazos como o ecomuseo El País del Abeyeiro, que xurden de aproveitar e poñer en valor o potencial produtivo e o patrimonio cultural e natural do rural"

Nesa primeira xornada, as intervencións centráronse na exposición de experiencias postas en marcha baixo a figura legal da custodia do territorio, baseada en acordos entre entidades de conservación e propietarios de terreos públicos e privados, como ferramenta de conservación de especies e paisaxes e de creación de riqueza, emprego e benestar no rural.

Nesa liña, apuntaron as intervencións de Óscar Prada, actual coordinador da Plataforma de Custodia do Territorio da Fundación Biodiversidad, Roberto Lozano, da Fundación Osíxeno, Roberto Hermida, doutor en bioloxía e membro de Morcegos de Galicia, e Óscar Rivas, veterinario da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Especialistas en botánica, entomoloxía ou neurobioloxía protagonizaron as intervencións no segundo día, con intervencións do botánico Bernabé Moya, dos entomólogos Luis Óscar Aguado e Félix Torres ou da neurobióloga Conchi Lillo, que ilustraron ás persoas asistentes sobre a variedade de especies animais e vexetais da montaña lucense con exposicións teóricas e paseos guiados pola contorna, incidindo no papel fundamental que a actividade polinizadora dos insectos ten na conservación dos hábitats e das paisaxes tradicionais.

Tamén se abordou o papel dos medios de comunicación e doutras canles de difusión á hora de trasladar á sociedade a importancia deste patrimonio natural e das iniciativas que se desenvolven no medio rural, cunha mesa redonda con participación destes investigadores e xornalistas, coma Orestes Currás e Sandra Sutherland, durante anos á fronte do programa de TVE Agrosfera.

Inauguración do Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo

A inauguración do Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, un espazo creado pola Asociación Corripa na contorna do ecomuseo El País del Abeyeiro,  puxo o final á segunda edición das xornadas. Trátade duns 3500 metros cadrados de terreo dedicado á conservación, coñecemento e divulgación sobre os insectos polinizadores.

Na inauguración, destapouse unha representación dunha mariposa de catro colas, unha especie característica de climas mediterráneos, ligada aos érbedos, que tamén habita esta zona polas súas singulares condicións climáticas. Durante a mañá, presentouse tamén a Guía do Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, que compila a información sobre este espazo científico e divulgativo.