Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente asiste á recreación da entrada das lexións romanas en Lugo que dá a benvida ao Arde Lucus

arde lucus
concello de lugo
José Tomé Roca sinalou a importancia da recuperación desta festa tras dous anos condicionada pola crise sanitaria “polo que supón para a cidade e para toda a provincia en termos económicos e para sectores especialmente castigados pola pandemia”

Na representación, que tivo lugar na Ponte Romana da capital lucense, as tropas dirixidas polo xeral Caio Antistio O Vello toman a cidade tras atopar a resistencia nun grupo de castrexos que entón habitaban Lugo

A Deputación de Lugo colabora co Arde Lucus con preto de 40.000€ a través dun convenio co Concello para celebrar a actividade do Circo Romano e cunha achega a unha das asociacións máis veteranas para a construción dun campamento

Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na recreación histórica da entrada das lexións romanas en Lugo pola Ponte Romana, unha cita que marca o inicio do Arde Lucus. Na representación, as tropas dirixidas polo xeral Caio Antistio O Vello toman a cidade tras atopar a resistencia no grupo de castrexos que entón habitaban Lugo. O mandatario provincial acudiu a este acto xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entre outras autoridades.

“É moi positivo poder recuperar esta festa que, tras dous anos condicionada pola crise sanitaria, conta coas mellores previsións de participación. É unha boa noticia polo que supón para a cidade e para toda a provincia en termos económicos e para sectores especialmente castigados pola pandemia como a hostalería, o comercio e o turismo. Tamén porque, polo seu espírito, pon en valor a nosa historia e a nosa cultura”, sinalou Tomé Roca.

Lembrou o mandatario provincial que a Deputación de Lugo aporta preto de 40.000€ para colaborar coa organización do Arde Lucus, a través dun convenio de colaboración co Concello lucense para a celebración da actividade do Circo Romano e a través dunha achega a unha das asociacións máis veteranas, a Cohors III Lucensium, para a construción dun campamento singular e orixinal.

Subliñou o Presidente que o apoio da institución provincial á festa responde “ao noso firme compromiso coa difusión e a posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial, e aproveitar toda esa riqueza para impulsar a economía”. Engadiu José Tomé que o Arde Lucus “é un auténtico revulsivo económico para a cidade, e promociona Lugo e toda a provincia a nivel nacional e internacional”. 

O Presidente invitou á veciñanza da provincia a participar da festa do Arde Lucus deste ano, “unha cita que sen dúbida volverá encher as rúas de xente e dará boa mostra de que é unha aposta turística segura e con moito futuro na nosa provincia”.