Deputación de Lugo

Lugo estrea en San Marcos a exposición sobre a historia da Banda de Música de Antas impulsada pola Deputación

Banda de Música de Antas
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, acompañada pola propia banda, inaugurou a mostra 125 anos resoando no corazón de Galicia, que poderá visitarse na capital da provincia durante este mes de xullo

García Porto: “Poñemos en valor a historia e a riqueza que supón para o noso territorio
contar coa Banda de Antas, unha das formacións máis antigas de Galicia, que dinamiza a vida social e cultural, e que actúa sempre como embaixadora de primeiro nivel”

A agrupación musical ofreceu un concerto á veciñanza que se achegou á inauguración

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este luns na capital lucense a exposición sobre a historia da Banda de Música de Antas de Ulla que impulsa a Deputación de Lugo, 125 anos resoando no Corazón de Galicia. A mostra, que quedou aberta á veciñanza na Praza de San Marcos e poderá visitarse durante este mes de xullo, consta de diferentes paneis que plasman os fitos máis importantes da agrupación.

O acto desta tarde contou tamén cun concerto da formación musical. Xunto á Deputada de Turismo, acudiron o tenente de Alcaldesa de Lugo, Miguel Fernández, a presidenta da Asociación da Banda de Música de Antas de Ulla, Candela Maceda Vázquez, e o autor e coautor do libro sobre a agrupación, José Salgado e Eduardo Salgado. 

García Porto destacou que con esta exposición “poñemos en valor a historia e a riqueza que supón para o noso territorio contar coa Banda de Antas, unha das formacións máis antigas de Galicia, que dinamiza a vida social e cultural, e que actúa sempre como embaixadora de primeiro nivel da comarca da Ulloa e da provincia”. Animou tamén aos veciños e veciñas de Lugo e do conxunto da provincia a visitar a mostra, sinalando que esta agrupación ten “un gran pasado, pero tamén un gran futuro, garantido pola media de idade dos actuais membros da Banda, todos e todas eles moi novos”.

Esta exposición, que xa se puido visitar nos concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso, poderá visitarse na Praza de San Marcos ata o vindeiro 1 de agosto. A Deputación financiou con 18.000€ a mostra, ademais de achegar outros 18.000€ para a celebración dos distintos actos conmemorativos da Banda de Música de Antas, entre os que se atopa a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da formación.  

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80.