Deputación de Lugo

O Presidente pon en valor o papel que desempeñan as Pemes na dinamización económica da provincia

PEMES
Cámara Comercio
José Tomé participou este xoves no acto de entrega do VIII Premio Peme do Ano Lugo 2024, a iniciativa que convoca a Cámara de Comercio de España, a Cámara de Comercio de Lugo e o Banco Santander que recoñeceu a Industrias Plásticas Arias

“As administracións temos que cooperar e deseñar programas para que as nosas empresas poidan ser máis competitivas. E así o entendemos dende a Deputación á hora de establecer colaboracións co tecido empresarial”, subliñou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no acto de entrega do VIII Premio Peme do Ano Lugo 2024, o galardón que pon en marcha a Cámara de Comercio de España, a Cámara de Comercio de Lugo e o Banco Santander. Nesta edición, a entidade galardoada con este recoñecemento foi Industrias Plásticas Arias, S.L., unha empresa que desde hai máis de 60 anos dedícase á fabricación e á distribución de envases para diversos sectores produtivos. 

No acto, que tivo lugar na oficina principal do Banco Santander de Lugo, o mandatario provincial felicitou aos galardoados e destacou que “o papel das Pemes é fundamental para o emprego, para a actividade económica e para o PIB da nosa provincia. Contamos en Lugo con algo máis de 24.000 empresas, unhas 10.500 teñen menos de 10 empregados e 12.800 son autónomos”.

Así mesmo, o Presidente tamén subliñou que “as administracións temos que cooperar e deseñar programas para que as nosas empresas poidan ser máis competitivas. E así o entendemos e o facemos dende a Deputación de Lugo á hora de establecer colaboracións co tecido empresarial”.

Ademais do Premio Peme do Ano, neste evento tamén se recoñeceu cun accésit o labor de catro entidades máis, Estudios Rafer, S.L., na categoría de Dixitalización e Innovación; Industrial Recense S.L., no apartado de Formación e Emprego; A Vida 013, S.L. en Internacionalización e Durán Maquinaria Agrícola na categoría de Peme Sostible, galardón que entregou o máximo representante provincial. 

A empresa Industrias Plásticas Arias, S.L., recoñecida co Premio Peme do Ano Lugo 2024, concorrerá ao Premio Nacional Peme do Ano 2024, que se fallará no primeiro trimestre de 2025, e as empresas galardoadas cos diferentes accésits aspirarán ao Premio Nacional nas súas respectivas categorías.