Deputación de Lugo

A Deputación participa na presentación da 48ª Subida a Chantada, que terá lugar esta fin de semana

Chantada
Subida a Chantada
O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos destacou que esta proba, das máis atractivas do automobilismo galego e nacional, “é un magnífico escaparate para a nosa provincia”, “atrae visitantes e dinamiza a economía”

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias Fernández, participou este mércores na presentación da 48 edición da Subida a Chantada, que terá lugar esta fin de semana, os días 22, 23 e 24 de xullo. No acto, que tivo lugar no Parque Eloisa Rivadulla do concello chantadino, participou tamén o Deputado de Deportes, Efrén Castro Caloto, e o Tenente Alcalde do Concello de Chantada, Manuel Diéguez, entre outras autoridades.

“Desde a Deputación de Lugo estamos convencidos de que este é un magnífico escaparate para a nosa provincia. Unha cita que, ademais de todo o que comporta para o mundo do deporte, atrae visitantes e dinamiza a economía da comarca, favorecendo aos sectores da hostalaría e o turismo”, destacou Arias. O Deputado sinalou tamén que “as ribeiras do Miño son un circuíto difícil de igualar, pero o que fai tan atractiva esta proba é o gran traballo da organización dende fai moitos anos, conseguindo atraer a milleiros de persoas edición tras edición”. 

Puxo en valor Arias Fernández a boa inscrición conseguida ao longo dos anos, coa participación de pilotos como Estanislao Reverter (Lalao), ou Fermín Vélez. Tamén lembrou o Deputado provincial a memoria de Mercedes Arias Senra, directiva da escudaría Chantada, primeira presidenta da SD Chantada “e unha persoa comprometida co impulso do deporte nesta comarca”, que faleceu no mes de maio.

Arias dixo estar “convencido de que a vindeira fin de semana viviremos aquí unha auténtica festa do deporte e do motor” e invitou á veciñanza e visitantes a ir a Chantada para “vivir esta Subida, desfrutar do espectáculo, da paisaxe e da gastronomía”.

Desvío do tráfico durante a proba

A 48 edición da Subida a Chantada, unha proba que forma parte do Campionato de España de Montaña, transcorrerá pola estrada que conecta Monforte de Lemos e Belesar, entre a ponte vella do río Miño e a estrada de Chantada ao Saviñao. Durante os días da proba, a Deputación de Lugo autorizou o desvío do tráfico pola estrada LU-P-1811, que dá servizo ao Embalse de Belesar.