Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación renovará a drenaxe para evitar filtracións de auga na estrada de Santa María a Castro de Rei de Lemos, en Sarria

rede viaria provincial
O tráfico permanecerá cortado dende o vindeiro luns e durante un máximo de dúas semanas á altura do punto quilométrico 8,140 da LU-P-5709 para substituír a estrutura porque se viu danada. Os usuarios contarán con desvíos alternativos debidamente sinalizados

A Deputación de Lugo informa de que a estrada LU-P-5709, que une as parroquias de Santa María e Castro de Rei de Lemos por Vilamaior, no concello de Sarria, permanecerá cortada á altura do quilómetro 8,140 dende o vindeiro luns, 22 de agosto, e durante un máximo de dúas semanas, co fin de acometer os traballos de renovación da obra de drenaxe transversal existente neste punto, unha estrutura que serve para canalizar a auga do denominado Rego do Barcelo e, polo tanto, evitar filtracións de auga na vía. Na actualidade, a calzada está cortada parcialmente para evitar a circulación de vehículos debido aos danos que sufriu a obra de drenaxe.

As actuacións que se levarán a cabo consisten no corte do pavimento para a demolición e retirada do firme actual, a retirada da obra de drenaxe existente e, posteriormente, a execución da nova base, para rematar co afirmado e a pavimentación da estrada provincial. Os usuarios da vía contarán con desvíos alternativos debidamente sinalizados.