Deputación de Lugo
Turismo

A Festa da Malla de Meira volve este domingo “para potenciar a cultura e a economía”

Malla de Meira
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo destacou na presentación da 30 edición desta cita que “festas como esta son as que converten a provincia de Lugo nun dos destinos turísticos favoritos para milleiros de visitantes”

“Na Deputación de Lugo temos un compromiso claro con todas as iniciativas culturais que contribúen a conservar o noso patrimonio porque promover a cultura e as tradicións é unha maneira de manter vivo o noso rural e de contribuír ao desenvolvemento económico”, asegurou Pilar García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns diante da Casa do Concello de Meira na presentación da XXX Festa da Malla da localidade. A cita celebrarase no centro da vila o vindeiro domingo, 28 de agosto, e agarda reunir a numeroso público. No acto tamén participaron o Alcalde, Antonio de Dios, o Concelleiro de Cultura, Agustín Méndez, e o presidente da Asociación da Malla da localidade, Manuel Pardo, así como outros membros da organización.

García Porto destacou que a Malla de Meira, a máis antiga de Galicia da súa clase e declarada de Interese Turístico, “é unha festa popular porque, ano tras ano, gaña en relevancia e en participantes, e tamén polas súas raíces, porque está dedicada a dar a coñecer un dos traballos tradicionais do noso agro”. “O tempo da malla, como tantos traballos agrícolas, era unha ocasión para xuntar aos veciños e deu lugar á aparición de cancións e de bailes relacionadas co traballo”, engadiu.

Festas coma esta, subliñou a Deputada, “son as que converten á provincia de Lugo nun dos destinos turísticos favoritos, non só para os galegos, senón para milleiros de visitantes do resto de España e do estranxeiro”.

Así mesmo, asegurou que a Deputación ten “un compromiso claro con todas as iniciativas culturais que contribúen a conservar o noso patrimonio. Cremos que promover a cultura e as tradicións é unha maneira de manter vivo o noso rural. A cultura é importante en si mesma, pero tamén axuda ao desenvolvemento do turismo, da gastronomía, do comercio e da hostalería, en definitiva, da economía local”.

A Festa da Malla é “un bo exemplo de que temos un rural cheo de xente emprendedora, con ideas e con gañas de levalas adiante”, afirmou Pilar García Porto, destacando neste sentido que a cita naceu no ano 1992 pola iniciativa dun grupo de veciños e veciñas, que logo deron lugar á formación da Asociación de Amigos da Malla, aos que felicitou a Deputada, xunto ao Concello, polo seu traballo.

 A Praza de Meira acollerá o vindeiro domingo multitude de actividades que farán revivir aos asistentes unha malla particular. Ademais de traballar, terán paradas para degustar a comida tradicional e haberá música que amenice a xornada.

Inicios

A Feira da Malla de Meira naceu no ano 1992 co fin de manter viva esta tradición e que continúe enriquecendo ás novas xeracións. Dende entón e ata o día de hoxe, esta cita cultural e turística continúa a celebrarse reunindo a centos de visitantes ao longo de toda a xornada. A Asociación de Amigos da Malla de Meira organiza este evento co obxectivo de por en valor o oficio tradicional da malla