Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación colabora coa Feira do Cabalo de Escairón dentro do seu apoio ao sector primario e ao turismo

Feira do Cabalo de Escairón
Pilar García Porto presentou no Pazo de San Marcos xunto con representantes da organización, a Asociación Cabaleiros do Saviñao, a 14ª edición da cita, que se celebrará o vindeiro domingo no Mercado Gandeiro da localidade

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este xoves no Pazo de San Marcos a XIV Feira do Cabalo de Escairón, que se celebrará este domingo no Mercado Gandeiro da localidade. No acto participaron membros da organización, Judith López e Marcos Varela,  da Asociación Cabaleiros do Saviñao, coa que colabora a institución provincial cunha aportación económica de 2.500€ para a celebración da cita.

García Porto destacou a importancia desta feira para “visibilizar o gran peso que ten na nosa provincia o sector primario e potenciar esta actividade, que é fundamental para a economía e para o emprego e, polo tanto, para fixar poboación e para o futuro do noso rural”. Destacou tamén que se trata dun evento que conseguen dinamizar a vida social e a economía do concello e da contorna, “xa que atrae a un gran número de visitantes, o que repercutirá, sen dúbida, na actividade da hostalería, do turismo e do comercio”.

A Deputación apoia a celebración desta xornada porque, “precisamente, apoiar e potenciar o sector primario, da man dos propios produtores e do tecido asociativo, ademais de promover un tipo de turismo de calidade, sostible, que coida o noso patrimonio e que deixa valor no territorio, son dúas das liñas de traballo prioritarias que estamos desenvolvendo dende a Deputación de Lugo”, explicou a Deputada.

Pilar García Porto felicitou aos organizadores polo seu traballo e invitou á veciñanza da provincia a achegarse o domingo a Escairón “para gozar de todas as actividades que nos teñen preparadas dende a Asociación de Cabaleiros do Saviñao, e tamén das paisaxes, do patrimonio e da xente deste concello”.

O programa

A Feira do Cabalo de Escairón comezará ás 9:00 horas coa apertura do Mercado Gandeiro da localidade para os participantes das carreiras de andadura, a ruta cabalar e o concurso morfolóxico, que terán lugar pola mañá. Xa en horario de tarde serán as carreiras de galope, xincanas e o espectáculo ecuestre a cargo de Duende Ecuestre, que será ás 19:00 horas. Durante toda a xornada entregaranse premios aos mellores equinos nas categorías de andadura, morfolóxica, galope e xincana e sortearase un poldro.