Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa o Folión de Carros de Chantada cun promocional que percorrerá España

Chantada
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou a pasada noite nesta festa declarada de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural, que volveu a celebrarse tras dous anos interrompida pola pandemia
- García Porto sinalou que “colaboramos con este evento por todo o que supón a nivel turístico, cultural e etnográfico e pola súa contribución ao patrimonio inmaterial da provincia, que é moitísimo”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou a pasada noite no Folión de Carros de Chantada. A cita, declarada Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural, volveu a celebrarse este verán tras dous anos interrompida pola pandemia. 

“Colaboramos con este evento por todo o que supón a nivel turístico, cultural e etnográfico e pola súa contribución ao patrimonio inmaterial da provincia, que é moitísimo”, sinalou a Deputada. A institución provincial está a elaborar, a través do seu Servizo de Audiovisuais, unha peza audiovisual promocional sobre o Folión de Carros de Chantada que percorrerá España para impulsar a difusión desta festa.

García Porto, que estivo acompañada entre outras autoridades, polo presidente da Asociación de Amigos do Folión, Manuel José Vázquez, destacou que “este é o tipo de eventos que dinamiza social e economicamente o noso rural, e que encaixa á perfección co modelo de turismo que impulsamos desde a Deputación de Lugo: un turismo de calidade, de experiencias, non masificado, de proximidade e sostible, que deixa un alto valor no territorio”.

Os carros do país e as carrozas percorreron á noite diferentes rúas da vila chantadina, rematando na Praza de Galicia, onde tivo lugar a entrega de premios. Dende pola tarde tiveron lugar tamén diferentes actuacións musicais, xogos populares, exhibición das xugadas e a presentación da Muiñeira do Folión de Carros, composta polo gaiteiro Óscar Rodríguez Fernández. Ata o vindeiro mércores poderá visitarse tamén a exposición O regreso da nosa festa, na casa da Cultura de Chantada.