Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo coloca no Pazo de San Marcos os retratos dos tres últimos expresidentes provinciais

Por indicación do Presidente, José Tomé Roca, os cadros de José Ramón Gómez Besteiro, Elena Candia López e Darío Campos Conde, obra do pintor Roberto González, colgáronse este mércores no corredor de acceso ao Salón de Plenos da institución provincial

Por indicación do Presidente, José Tomé Roca, a Deputación de Lugo instalou este mércores no Pazo de San Marcos os retratos dos tres últimos expresidentes da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, Elena Candia López e Darío Campos Conde. Os cadros, que xa están colgados no corredor de acceso ao Salón de Plenos, son obra do pintor monfortino Roberto González. Contan cunha placa informativa co nome do retratado, as datas do período da presidencia e o nome do autor da pintura.

Con estas novas obras, a Deputación de Lugo conta con nove cadros de presidentes provinciais. Trátase de José Benito Pardo Rodríguez, que estivo en tres períodos entre 1901 e 1931; Francisco Plácido Donapetry Iribarnegaray, que estivo entre 1927 e 1929; José Sánchez Gacio, que ocupou o cargo entre 1932 e 1934; e Octavio García Fernández, que estivo ata 1936. Xa na democracia, Luís Cordeiro Rodríguez estivo na presidencia da Deputación entre os anos 1979 e 1983; Francisco Cacharro Pardo, do 1983 ao 2007; José Ramón Gómez Besteiro foi o Presidente da institución provincial entre os anos 2007 e 2015; Elena Candia López, dos meses de xuño a outubro do 2015, e Darío Campos Conde, entre outubro do ano 2015 ata o 2019, cando tomou posesión o actual Presidente da Deputación, José Tomé Roca.