Deputación de Lugo
Economía
Infraestruturas

A Deputación licita por 372.000€ as obras coas que cuadriplicará as prazas de estacionamento para uso público no Fogar de Santa María, chegando a 165

FOGAR SANTA MARÍA
rede viaria provincial
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno acordou sacar a contratación o proxecto de reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns deste complexo provincial, co que o Presidente cumpre o seu compromiso de acondicionar este entorno despois de rematar a rehabilitación dos pavillóns un e dous cun investimento de 1,7M€

O mandatario provincial e a Alcaldesa de Lugo acordaron na comisión de seguimento do convenio de cesión de Santa María a apertura gratuíta do aparcamento ao público, fóra do horario laboral dos traballadores e traballadoras provinciais, cando acaben estas obras, que teñen un prazo de execución de catro meses unha vez iniciadas

A Deputación investirá 156.000€ en melloras na estrada provincial do Rato, onde “temos que facer un sobreesforzo no mantemento porque, como a Xunta de Galicia ten pendente de executar a segunda fase da Ronda Leste, esta vía soporta moito maior tráfico do que lle correspondería polas súas características”

Licitadas obras na estrada de Taboada a Ada e Mundín, por 152.000€; na vía de Condomiña, Castrolanzán e Gasalla, en Baralla, por 160.000€; na estrada de Arcos ao límite con Pontevedra, e na de Gradoi a Cruceiro, en Antas de Ulla, por 156.000€; e na de Sober a Vilachá por Gundivós e nos accesos a Santa Cruz e Sanmil, por 123.000€

Adxudicada a concesión da área recreativa dos Robles, na capital lucense, a Terras de Lugo SL por un prezo mensual de 550€ e por un prazo de 3 anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres sacar a contratación por 372.000€ o proxecto para a reforma e mellora dos espazos comúns circundantes aos pavillóns do Fogar de Santa María, na cidade de Lugo. Así o explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen concretou que con este proxecto “conseguiremos cuadriplicar o número de prazas de estacionamento para uso público neste recinto, pasando das 40 que existen actualmente a unhas 165 prazas”.

A Deputada detallou que con este paso adiante, “o Presidente cumpre o seu compromiso de reordenar e acondicionar o entorno do complexo de Santa María, despois de rematar as obras de rehabilitación e mellora nos pavillóns un e dous cun investimento de 1,7M€”. 

Así mesmo, a voceira socialista lembrou que o mandatario provincial e a Alcaldesa de Lugo acordaron na comisión de seguimento do convenio de cesión de Santa María a apertura gratuíta do aparcamento ao público, fóra do horario laboral dos traballadores e traballadoras provinciais cando acaben estas obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, unha vez iniciadas. “Demostramos, unha vez máis, que cumprimos coa cidadanía, neste caso para ofrecer máis e mellores espazos públicos para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Lugo, pero tamén do resto da provincia”, explicou Pilar García Porto.

O proxecto afectará á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 que compoñen o complexo de Santa María, onde a Deputación ten situados seis servizos: Recadación, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica, Vías e Obras, Cooperación cos Concellos e Artesanía e Deseño.

Os traballos que vén de licitar a Xunta de Goberno consisten na reordenación dos espazos, no afirmado e pavimentación, axardinamento, sinalización, drenaxe do edificio no que se sitúa Vías e Obras, execución de rede de pluviais e conexión aos sumidoiros, instalación de luminarias públicas, e acondicionamento do acceso peonil existente entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios. 

Adxudicación da área recreativa dos Robles
A Xunta de Goberno desta semana tamén aprobou adxudicar a concesión da área recreativa dos Robles á empresa Terras de Lugo SL por un prezo mensual de 550€ e por un prazo de 3 anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano.  Estas instalacións de titularidade provincial contan con cafetería e un salón grande, unha  terraza con vistas ao río e dúas piscinas, unha delas infantil.

Explicou García Porto que este paso que se dá agora consiste nunha adxudicación directa aceptando a solicitude presentada pola empresa Terras de Lugo SL o pasado 26 de agosto, unha vez que o procedemento de concorrencia pública que se convocou o 15 de xullo para a concesión da área dos Robles quedara deserto porque non se presentou ningunha oferta.  A adxudicataria cumprirá con todos e cada un dos requisitos incluídos nos pregos da convocatoria pública, tales como o canon e a duración do contrato.

830.000€ para melloras en cinco estradas provinciais
En materia de Vías e Obras, a Xunta de Goberno aprobou licitar por un total de case 830.000€ obras para o acondicionamento de cinco estradas da Deputación, ao seu paso por cinco concellos de toda a provincia: Lugo, Taboada, Baralla, Antas de Ulla e Sober. 

A voceira socialista puxo o foco en que, coa aprobación destes proxectos e a súa licitación, “damos un novo impulso á mellora da mobilidade na nosa provincia, que é unha das prioridades na acción política deste Goberno. Unha prioridade á que, de feito, destinamos un terzo do total do Orzamento, tanto para a mellora das estradas da Deputación, como das vías municipais”, subliñou, engadindo que “a mobilidade é un dereito máis da cidadanía, mellora a vida da xente, axuda a fixar poboación, dinamiza a economía e o emprego, e fai competitivo a un territorio. De aí, a importancia fundamental que lle damos nas nosas políticas e xestión”.

Estrada do Rato
No caso de Lugo, a Deputación mellorará o firme da estrada provincial do Rato, a LU-P-2925, en concreto, os tres primeiros quilómetros da vía, cun orzamento superior ós 156.000€ e un prazo de execución de dous meses.

García Porto subliñou que “dende a Deputación de Lugo temos que facer un sobreesforzo na conservación e mellora da estrada do Rato porque soporta unha elevada densidade de tráfico, moito maior da que lle correspondería polas propias características da vía, que é periurbana. E isto ocorre porque a Xunta de Galicia ten pendente de executar a segunda fase da Ronda Leste, unha das moitas infraestruturas e servizos que o Goberno galego lle debe á nosa provincia dende fai xa 13 anos”.

Lembrou que dende a apertura do HULA “multiplicouse por 5 o número de vehículos que circulan pola estrada provincial do Rato, xa que a maioría dos condutores, sobre todo os de Lugo, pero tamén do resto da provincia, utilizan esta vía para ir ao hospital, porque a Xunta non fixo os deberes e ten pendente a circunvalación da Ronda Leste”.

Taboada
En Taboada, a Deputación licitou por un orzamento de preto de 152.000€ a rehabilitación do firme da LU-P-6001, entre a propia vila de Taboada e os núcleos de Ada e Mundín. Uns traballos que se desenvolverán entre os puntos quilométricos 6,1 e 9,9, cun prazo de execución de 2 meses. Estas obras darán continuidade a outras que a Deputación executou recentemente nesta vía desde o punto quilométrico 1,7 ata o 2,5, e do 5,8 ao 6, e que formaron parte dun conxunto de actuacións que a institución desenvolveu en vías ao seu paso por Taboada cun investimento total de 90.000€. 

Baralla
En Baralla rehabilitarase o firme da LU-P-0508, que une Condomiña con Gasalla pasando por Castrolanzán. Actuarase nos 2,5 primeiros quilómetros, cun investimento de preto de 160.000€. O prazo de execución é de 2 meses. 

Antas de Ulla
En Antas de Ulla, licítanse as obras para dúas estradas provinciais por un importe de algo máis de 156.000€. Por unha banda, a Deputación actuará na LU-P-0304, que vai dende Arcos ata o límite da provincia de Pontevedra, en Salto da Agüela, nun treito de 4,5 quilómetros. E por outra banda, tamén se mellorará a LU-P-0305, que vai de Gradoi ata Cruceiro, dende o inicio da vía ata o quilómetro 1,2. O prazo de execución no caso destas dúas estradas tamén é de dous meses.

Sober
En Sober, aprobouse o proxecto que inclúe obras en dúas estradas por un importe de máis de 123.000€. Rehabilitarase a LU-P-5904, que é a que une Sober con Vilachá pasando por Gundivós, dende o inicio da vía ata o punto quilométrico 0,6; e melloraranse os accesos a Santa Cruz e Sanmil, entre os quilómetros 5,5 e 12. Para as dúas actuacións, o prazo de execución é de 3 meses.

Granxa Gayoso Castro
Adxudicada tamén neste Xunta de Goberno o contrato en aberto convocado para a recollida e venda de leite cru que se produce na Granxa Gayoso Castro da Deputación. A empresa adxudicataria é Feiraco Lácteos, SL e o contrato inclúe a recollida de algo máis de 350.000 litros de leite ó ano, establece que o pago se realizará mensualmente, e que a duración é por un ano, podéndose prorrogar cada ano ata un máximo de 5. Como condición, a empresa adxudicataria deberá facer unha doazón, como mínimo, do 5% da cantidade de leite recollida aos bancos de alimentos ou a favor de comedores sociais da provincia de Lugo para a súa distribución entre as persoas e familias que o necesiten.