Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación retoma hoxe o programa Coñece a túa provincia con viaxes á Mariña e á Ribeira Sacra

Coñece a túa Provincia
turismo
Esta semana uns 155 veciños e veciñas de 7 concellos da provincia gozarán de diferentes rutas gratuítas pola xeografía lucense e ata o mes de novembro serán máis de 55 colectivos lucenses os que se beneficien desta iniciativa

A Asociación de Santa Comba de Órrea, de Riotorto, visitará Sober e Monforte logo dunha parada no Pazo de San Marcos e a de San Martiño de Río, de Láncara, descubrirá O Vicedo, Viveiro e Ourol tras coñecer o Mazo de Santa Comba

Preto de 1.800 persoas de máis de 85 colectivos lucenses xa se beneficiaron en primavera da primeira parte desta edición do programa provincial

A Deputación de Lugo retoma este martes a segunda edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deulle esta mañá a benvida á Asociación de Santa Comba de Órrea (Riotorto) no Pazo de San Marcos; e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, recibiu á Asociación de San Martiño de Río (Láncara) no Mazo de Santa Comba. 

Os de Riotorto viaxan á Ribeira Sacra, onde comezarán o percorrido nunha adega de Amandi, visitarán un miradoiro para contemplar o Canón do Sil e navegarán polo río nun dos catamaráns da Deputación de Lugo. Os lancaraos puxeron rumbo á Mariña; visitarán Fuciño do Porco e a praia da Abrela, no Vicedo, coñecerán a área etnográfica da Ínsua, a praia viveirense de Covas e a fervenza do Xestosa no concello de Ourol.

Mañá, mércores 14 de setembro, a asociación veciñal de Cela Ponte de Neira, do Corgo, parará nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo, antes de continuar a súa viaxe ata A Mariña. O xoves, veciños de San Cosme de Nete (Vilalba) e de Santa Cruz de Viana (Chantada) serán os protagonistas do Coñece a túa provincia con viaxes aos concellos de Sober e Monforte no primeiro caso, e Xove e Viveiro no segundo. Finalmente, o venres, o colectivo de San Pedro Fiz da Cazolga, de Lourenzá, visitará O Saviñao; e a veciñanza das Candelas, de Pantón, coñecerá Barreiros e Ribadeo.

En total son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan xa coas súas reservas para viaxar polo territorio en outono, dende hoxe e ata o mes de novembro. Preto de 1.800 persoas de máis de 85 entidades sen ánimo de lucro xa se beneficiaron en primavera desta iniciativa provincial.


García Porto, lembrou que “estamos ante un programa que funciona e cumpre cos obxectivos: facer comunidade, favorecer que os nosos veciños e veciñas coñezan a súa propia provincia, o seu entorno máis próximo e, con iso, dinamizar a actividade do turismo, da hostalería e do comercio, así como consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.