Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación de Lugo presenta seis xovencas da Granxa Gayoso á poxa de Pedrafita do Cebreiro

PEDRAFITA DO CEBREIRO
POXA
O Deputado de Recursos Sostibles participou na cita xunto ao Alcalde da localidade e tamén Deputado de Medio Ambiente

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este domingo xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, o presidente da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Gallega (ACRUGA), César Dorado Pin, e outras autoridades, na Poxa de Xovencas de Raza Rubia de Pedrafita do Cebreiro celebrada no Recinto Feiral da localidade. 

A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo presentou seis exemplares de raza autóctona a este certame, no que participaron gandeiros e gandeiras de diferentes explotacións da provincia e doutros lugares limítrofes como León ou Asturias.

A Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración con ACRUGA, á que achega 1,4 millóns de euros entre 2014 e 2022 con dúas liñas de axuda. Por unha banda, con estas achegas outórganse axudas directas a explotacións lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con ACRUGA para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.