Deputación de Lugo
Emprego

O Presidente inaugura unha xornada sobre a prevención do acoso laboral nas relacións laborais no Pazo de San Marcos

asociación xustiza e sociedade de Galicia
acoso laboral
José Tomé Roca incidiu en que “visibilizar os problemas, falar deles e analizalos, é un paso determinante para poder afrontalos e erradicalos, e resulta necesario falar de acoso laboral porque, durante moitos anos, a cultura tradicional do mercado intentaba en moitos casos agochar ou silenciar este tipo de situacións”

A Asociación Xustiza e Sociedade de Galicia organiza o encontro, que imparte o Observatorio Vasco sobre Acoso e Discriminación e no que participan xuristas e representantes sindicais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres a xornada de formación xurídica Prevención do acoso laboral nas relacións laborais, que acolleu durante toda a mañá o Pazo de San Marcos. Unha acción impulsada pola asociación Xustiza e Sociedade de Galicia, que imparte o Observatorio Vasco sobre Acoso e Discriminación e na que participan sobre todo xuristas e representantes sindicais. A institución retransmite por streaming a xornada a través do Servizo de Audiovisuais.

José Tomé salientou que para a institución provincial “é unha verdadeira satisfacción acoller un encontro profesional coma este, que busca avanzar cara unha sociedade mellor, máis xusta e máis igualitaria”, en tanto que a Deputación “é a casa de todos os lucenses e de todos os cidadáns. Unha institución aberta, que camiña con paso firme cara a modernización e a eficiencia, e na que estamos profundamente comprometidos coa sociedade á que prestamos servizo, en todos os ámbitos, para favorecer o seu progreso social e económico”.

O Presidente reflexionou sobre a temática que se abordou, incidindo en que “visibilizar os problemas, falar deles e analizalos, é un paso determinante para poder afrontalos e erradicalos, e resulta necesario falar de acoso laboral porque, durante moitos anos, a cultura tradicional do mercado intentaba en moitos casos agochar ou silenciar este tipo de situacións. As relacións laborais entendíanse como relacións de poder, no peor sentido da palabra, no que o xefe ou superior tiña un poder case que absoluto sobre o subordinado”. 

Puxo o foco o mandatario provincial en que, nas desigualdades sociais, a muller vese penalizada en maior medida. “Afortunadamente, temos avanzado moito como sociedade. Un exemplo é que nesta Deputación decidimos neste mandato contar co primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, o que nos permitirá mellorar a perspectiva de xénero nas nosas políticas de persoal e nas relacións coa sociedade”. Explicou que a sociedade debe seguir traballando neste camiño, “e a propia evolución do mercado, a chegada de novos modos de produción ou o emprego das novas tecnoloxías, dan lugar a novas formas de abuso ou de precarización, pero agora temos xa as canles para denuncialas”.

O Presidente puxo en valor o labor dos xuristas: “tanto dende os servizos de asesoría dos sindicatos, como dende os servizos das propias empresas e institucións, proporciona aos traballadores e traballadoras un paraugas de amparo do que antes carecían”.

A xornada
No acto de inauguración participou tamén a Javier de Cominges Cáceres, avogado laboralista e secretario xeral de Xustiza e Sociedade de Galicia. A continuación desenvolveuse unha mesa de debate moderada por Dalila Dopazo Blanco, maxistrada-xuiz do xulgado do social nº3 de Lugo sobre O acoso laboral e a prevención na realidade xudicial: estudo estatístico das sentezas xudiciais en 2021/2022 e a súa comparación respecto ao estudo previo. Situación real actual, na que participaron Beatriz Varela Celaá, maxistrada do xulgado do social nº3 de Bilbao e Juan Ignacio Marcos González, avogado laboralista e coordinador do Observatorio Vasco. Tamén se abordaron as sentenzas penais no acoso laboral e penal, da man de Luis Lafont Nicuesa, fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. 

A segunda mesa de debate estivo moderada por María Teresa Burgo, avogada de Comisións Obreiras, e xirou arredor do Convenio 190 e as definicións e alcance do acoso. Os protocolos de acoso, coa presenza de Manuel Velázquez, inspector de traballo e xefe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social de Biscaia. A continuación, María Ángeles García Pérez, avogada especialista en xénero, acoso, igualdade e violencia machista, abordou a Perspectiva de igualdade no marco actual. Análise da Lei 15/22 integral para a igualdade de trato e a non discriminación.