Deputación de Lugo

A Deputación participa en Madrid na reunión da FEMP para coordinar o avance nos obxectivos da Axenda 2030

Pablo Rivera Capón
FEMP
Reunión FEMP
O Deputado de Promoción Económica e Social destacou diferentes estratexias da institución provincial encamiñadas a afrontar o reto demográfico, fomentar a educación ambiental, conservación da natureza e promoción do territorio vencellado ao turismo

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores en Madrid na reunión convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para coordinar o avance na implementación da Axenda 2030. Durante o encontro puxo en valor o papel que está a ter a Deputación de Lugo no impulso de iniciativas que axudan na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nos diferentes concellos da provincia.

“A provincia de Lugo aposta por un modelo de desenvolvemento sostible baseado no equilibrio territorial, na posta en valor dos seus recursos e na mellora da calidade de vida das persoas”, explicou o Deputado.

Rivera Capón destacou diferentes estratexias da institución provincial encamiñadas a afrontar cuestións marcadas nos ODS como o reto demográfico, fomentar a educación ambiental, a conservación da natureza e a promoción do territorio vencellado ao turismo. Nese sentido, subliñou a aposta da Deputación por unha rede de residencias de maiores propia, a través da cal ofrece unha atención pública básica no rural ao tempo que xera emprego e dinamiza a actividade económica; polas actividades trimestrais que se realizan no ámbito das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses que xestiona a Deputación; ou por programas como o Coñece a túa provincia que fomentan un turismo de proximidade, sostible e de posta en valor do patrimonio.

Durante o encontro de traballo, no que ademais do Deputado participou o secretario xeral da FEMP, Luis Martínez-Sicluna, e o Presidente da Rede de Entidades Locais da Axenda 2030 e Presidente da Deputación de Alacante, Antonio Pérez, debateron sobre o compromiso político cos obxectivos da Axenda 2030, os retos e oportunidades do traballo compartido e sobre os próximos pasos a dar neste sentido.