Medio Rural apoia unha nova edición de ExpoLugo A Rural, que promociona o sector primario no marco do San Froilán
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2022-10/Foto_1.jpg)
O tradicional desfile de gando na contorna da Praza Maior de Lugo será o venres á tarde
A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade Mónica Freire presentou este venres, acompañada por representantes de asociacións agrogandeiras e do xerente do Pazo de Feiras e Congresos Rubén López, unha nova edición feira agrogandeira ExpoLugo A Rural, que se celebrará os vindeiros 7,8 e 9 de outubro no recinto lugués, no marco do San Froilán.
Mónica Freire agradeceu “a implicación das asociacións agrogandeiras e do persoal técnico que participou nas diferentes reunións organizadas ao longo dos últimos meses para definir o programa da feira, que se amplía nun día, anticipando ao venres 7 o tradicional desfile de gando na contorna da Praza Maior de Lugo, e no que se reforzan as actividades divulgativas e lúdicas”
A responsábel de Medio Rural destacou que “a exposición e os concurso de gando, con presenza de diferentes razas autóctonas, se acompañará dun programa de propostas complementarias que incide na promoción dos produtos agroagandeiros e na posta en valor do sector primario como piar económico, social e cultural da provincia”.
Exposición e certames de razas autóctonas
ExpoLugo A Rural acollerá unha ampla mostra de animais vivos de razas autóctonas, coa presenza de criadores e criadores de cabalo de pura raza galega, porco celta, galiña de Mos, ovella e cabra galega, e vacún de raza rubia galega e das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa (Boaga). Este ano é novidade un certame e exhibición de can de pastoreo e manexo de gando, a cargo de Ovica e Actican.
No espazo expositivo terán tamén presenza firmas de comercialización e venda de produtos agrogandeiros de razas autóctonas, entre elas, as comercializadas polas propias asociacións de gandeiros e a plataforma de venda en liña Son de Lugo, que agrupa unha vintena de produtores e produtoras lucenses.
Os Bolechas, guías para a rapazada
Entre as actividades lúdicas e divulgativas desta nova edición destaca a presenza dos Bolechas, que guiarán aos nenos e nenas polas distintos puntos do espazo expositivo trasladándolles aos máis pequenos e pequenas a importancia do traballo de gandeiros e gandeiras.
Estas visitas guiadas, das que se ofrecerán catro pases -sábado ás 17.45 h e ás 18.45 h e domingo ás 11.45 e ás 12.45 h-, son parte dunha colaboración máis ampla entre Medio Rural da Deputación e Edicións Bolanda, que inclúe a edición do libro “Os Bolechas viaxan da escola á granxa” que desenvolve dun xeito didácticos os obxectivos do programa da Escola á Granxa, co que a área drixida por Mónica Freire impulsa 72 visitas de escolares de primaria a 25 granxas.
Menú autóctono
O programa de ExpoLugo tamén incide na promoción dos produtos agrogandeiros co Menú autóctono, a base de produtos de razas autóctonas e comercializados polos expositores da feira, que se poderá degustar na recén inaugurada cafetaría do Pazo, O Pazo Eventos.
O Desfile de Gando, o venres
O tradicional desfile de gando, organizado coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo, como unha das actividades máis xenuinas do programa do San Froilán, será o venres 7 ás 18.00 horas na contorna da Praza Maior de Lugo. No paseo polas rúas, no que se procurará recrear o ambiente feiras de gando dos anos sesenta, participarán exemplares das distintas razas autóctonas con presenza na Feira.
Comité Técnico
O programa de ExpoLugo A Rural foise definindo no marco dun comité técnico integrado por representantes das asociacións agrogandeiras que veñen participando na feira – a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), a Asociación de Criadores de Porco Celta (Asoporcel), a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Federación Galega de Razas Autóctonas (Boaga) e Asociación de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) -, Marcos Vázquez de Muvicla e os presidentes dos colexios oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo e Veterinarios e persoal técnico da área de Medio Rural da Deputación de Lugo e da delegación territorial da Xunta de Galiza, ademais da xerencia do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Entrada de balde
ExpoLugo A Rural estará aberta o sábado e o domingo, en horario continuo de 11.00 a 20.00 horas e con entrada de balde