Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa as obras de mellora da estrada provincial de Chantada a Antas de Ulla por Taboada dos Freires

estradas
Rede provincial de estradas
Chantada
Taboada
Antas de Ulla
A Deputación de Lugo inviste máis de 150.000€ na rehabilitación do firme na práctica totalidade da LU-P-1809, dende o punto quilométrico 3,625 ao 23,800, onde a actuación consiste na reapertura de cunetas, saneamento da explanada e a repavimentación

Este proxecto beneficiará de maneira directa a moitos veciños e veciñas da comarca da Ulloa e Taboada que transitan a diario por esta vía

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou as obras de mellora da estrada provincial LU-P-1809 que comunica Chantada e Antas de Ulla por Taboada dos Freires cun investimento que supera os 150.000€. O proxecto inclúe a renovación de practicamente o conxunto da vía, actuando en máis de 20 quilómetros dos preto de 25 quilómetros que ten.

Tomé Roca comprobou os avances da empresa adxudicataria, Construcciones Leonardo Miguélez SL, que ten un prazo de execución de tres meses para estes traballos. Salientou a importancia da actuación que beneficiará de maneira directa a moitos veciños e veciñas da comarca da Ulloa e Taboada que transitan a diario por esta vía. “A mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno provincial”, detallou o Presidente, que engadiu que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”.

As obras consisten na reapertura de cunetas, saneamento da explanada e do firme nas zonas onde existe un blandón, tamén na reparación de fochancas e afundimentos que presente a vía e na repavimentación. Actuarase no treito comprendido entre os quilómetros 3,6 ao 23,8.

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.