Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Ministra Teresa Ribera pon en valor o Impulso Verde, promovido polo Concello de Lugo e co que colabora a Deputación

ministra de transición ecolóxica
teresa ribera
impulso verde
concello de lugo
lugo life+biodinámico
O Presidente participou xunto á Alcaldesa na visita que fixo a Vicepresidenta Terceira do Goberno ao primeiro edificio público construído con madeira local na súa totalidade, froito do proxecto europeo Life Lugo+Biodinámico, para o que a institución provincial achega financiamento

A Vicepresidenta Terceira do Goberno fixo fincapé no feito de que Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia fomentando a creación de novos barrios e facilitando emprego

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, na visita que realizou a Vicepresidenta Terceira do Goberno e Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, ao edificio Impulso Verde, na capital lucense.

O mandatario provincial lembrou que este proxecto levantado na zona da Garaballa forma parte do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, liderado polo Concello de Lugo e co que a Deputación colabora economicamente cunha achega de medio millón de euros, co fin de promover un desenvolvemento urbano sostible e, ao mesmo, potenciar a industria da madeira coa súa utilización como elemento estrutural de construción.

O Impulso Verde é o primeiro edificio público de Galicia que se constrúe na súa totalidade con madeira autóctona certificada, concretamente da Mariña, cumprindo un dos requisitos fundamentais que establecía o prego de condicións elaborado polo executivo municipal.

A Alcaldesa subliñou que este edificio é  “símbolo referente e pioneiro da segunda gran transformación da cidade, tanto dende o punto de vista ambiental como económico, por ser a nosa provincia a principal produtora forestal de toda a comunidade”, apuntou Méndez.

Pola súa parte, a Ministra felicitou á rexedora pola aposta decidida que está a facer polas políticas verdes como eixo central nas actuacións e proxectos que se levan a cabo na cidade,  describindo estas actuacións como “un exemplo claro do que se pode facer desde os Gobernos locais, pensando no territorio, nas persoas e en como compatibilizar, nun momento tan complicado como este, desde o punto de vista enerxético, a xestión dos recursos atopando solucións que non só sexan compatibles con medio ambiente se non innovadoras e que, por outra banda, xeren emprego e aforren en consumo de recursos básicos”.

 A Vicepresidenta Terceira do Goberno fixo fincapé no feito de que Lugo está sendo o motor dun cambio de paradigma en Galicia, e “o feito que desde o Concello, en colaboración coa Deputación Provincial e a Universidade, fomenten a creación de novos barrios moito máis saudables para as persoas pero tamén motivadores e facilitadores de emprego, é unha excelente noticia”.

Na visita tamén participaron o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a Concelleira de Gobernanza de Lugo, Paula Alvarellos.