Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación ultima a dotación das residencias de Navia de Suarna e Ribas de Sil para abrilas este ano

CENTROS DE MAIORES
Rede provincial de estradas
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación dos contratos de prestacións básicas do CAM de Navia de Suarna, por un importe de 730.000€, e do de Ribas de Sil, por case 610.000€

Completada a adxudicación do subministro de equipamento da residencia de Ribas de Sil, no que a institución investiu en total máis de 340.000€

“Acabaremos este mandato con 9 residencias en funcionamento, 6 delas abertas dende o ano 2019, co enorme esforzo de xestión e económico que iso supón, e sen contar con ningún tipo de colaboración por parte da Administración que por Lei ten as competencias en servizos sociais, a Xunta de Galicia”, subliñou Pilar García Porto

A Deputación investirá medio millón de euros na construción dunha nova ponte sobre o río Azúmara no cinto comarcal, á altura do límite entre os concellos de Castroverde e Pol, o que ampliará o paso dos vehículos mellorando a seguridade e comodidade dos condutores desta estrada provincial

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres importantes avances para “cumprir co compromiso de abrir os centros de atención a maiores de Navia de Suarna e Ribas de Sil este ano”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. 

Por unha banda, quedou aprobada a adxudicación dos contratos de prestacións básicas da residencia de Navia de Suarna, por un importe de 730.000€, e da de Ribas de Sil, por case 610.000€. En ámbolos dous casos, a empresa adxudicataria é Troncoso Casares S.L. Estes contratos inclúen os servizos de cociña, limpeza e asistencia para os centros. Estarán en vigor durante un ano dende a súa firma, con posibilidade de realizar prórrogas ano a ano ata o 2026.

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á adxudicación dos dous últimos lotes que restaban do contrato para dotar de equipamento ao Centro de Maiores de Ribas de Sil.  A empresa Mariña Clima S.L. encargarase do subministro do equipamento de lavandaría e cociña, cun orzamento de preto de 136.000€, e a empresa Total Ekip S.L. subministrará o equipamento médico e axudas técnicas, por máis de 35.500€. Con estes lotes, o total do investimento para equipar a residencia de Ribas de Sil supera os 340.000€.

“Estes pasos tan importantes que damos hoxe permitirannos cumprir coas previsións e abrir, xa no mes de novembro, o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, e antes de finalizar o ano, a residencia de Ribas de Sil”, avanzou García Porto.

A voceira socialistas lembrou que a Deputación puxo en marcha dende o ano 2019 un total de 6 residencias, “co enorme esforzo en materia de xestión e económica que isto significa”, e ao finalizar este mandato funcionarán en total 9 centros: os de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil. “Todo isto, sen ningún tipo de colaboración por parte da Administración que, por Lei, ten as competencias en servizos sociais, a Xunta de Galicia, que non apoia á Deputación nin tampouco ós concellos para a construción e o funcionamento das residencias”, subliñou Pilar García Porto.

Nova ponte no cinto comarcal, entre Castroverde e Pol
A Xunta de Goberno aprobou tamén a licitación dunhas obras “moi importantes, que acometemos despois de moitos anos, no cinto comarcal que circunvala a contorna de Lugo, a LU-P-1611, en concreto, á altura do límite entre os concellos de Castroverde e Pol, onde investiremos medio millón de euros para construír unha nova ponte sobre o río Azúmara e o acondicionamento do firme”, explicou a Deputada.  Esta nova ponte, que salva un muíño catalogado que hai na zona, “é moi necesaria porque agora mesmo neste punto a estrada é tan estreita que moi dificilmente poden pasar dous coches á vez”.

Trátase dunha mellora “moi significativa na seguridade e na comodidade dos condutores nunha estrada moi utilizada, que é unha verdadeira arteria de comunicación para a comarca de Lugo”. O orzamento para acometer este proxecto ascende a máis de 510.000€ e o prazo de execución é de 12 meses. 

Club Náutico de Portomarín
Ademais, a Xunta de Goberno aprobou iniciar o procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación do Club Náutico de Portomarín, de titularidade da Deputación de Lugo. O prezo mensual fixado é de 300€, é dicir, 3.600€ ao ano. A institución provincial avaliará para a súa adxudicación o prezo ofertado polas empresas, os investimentos en equipamento propostos para as instalacións e a memoria técnica e xestión empresarial presentada.

A concesión é por dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas máis de un ano cada unha. Farase unha concesión demanial, o que significa que o gañador ou gañadora do concurso terá o aproveitamento privativo e temporal destes bens. 

A Deputación acometeu obras para a mellora das instalacións por un importe de preto de 40.000€. Consistiron na reparación e limpeza do tellado, na reposición dalgúns elementos da fachada e no acondicionamento dos baños, que se ampliaron e se dotaron de accesibilidade. Tamén se habilitou como almacén un espazo no semisoto. O inmoble conta con cafetería e cun salón grande que podería usarse a modo de comedor. Ademais, ten unha terraza grande sobre o río Miño e outro espazo exterior de gran tamaño para a realización de actividades náuticas cando as condicións da auga o permiten, como piragüismo ou vela.

Colaboración con Trabada
Na reunión de hoxe, o Goberno acordou aprobar un convenio de colaboración co Concello de Trabada a través do que a Deputación de Lugo aportará preto de 50.000€ para mellorar os accesos de dous barrios do municipio: A Ravexa, na ría de Abres; e A Igrexa, en Sante. Trátase dunhas obras moi relevantes para a veciñanza destes núcleos de poboación.

Así mesmo, quedou aprobada a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de coordinación de seguridade e saúde das obras e servizos da Deputación, agás as que dependen do Parque Móbil. Adxudícase por un total de 293.000€ a dúas empresas. A empresa Ibersys Seguridad y Salud encargarase daqueles servizos que non dependan do servizo de Vías e Obras; e a empresa Incope Consultores S.L., dos que estean baixo a dirección do servizo de Vías e Obras.  

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de valoración de bens e dereitos relativos a procedementos do servizo de patrimonio e xestión tributaria, recadación e inspección da Deputación á empresa Taxo Valoración S.L., por un importe de 21.780€ e por un período de un ano, con opción a unha prórroga de tres anos máis.