Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación participa na entrega dos diplomas do concurso de gando de ExpoLugo A Rural 2022

EXPOLUGO A RURAL
pazo de feiras
Lugo
O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, asistiu este sábado ao certame de Raza Rubia Galega organizado no marco desta feira que acolle o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo entre hoxe e mañá

O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participou este sábado na entrega de diplomas do Concurso de Gando de Raza Rubia Galega de ACRUGA, que tivo lugar no marco da mostra gandeira ExpoLugo A Rural 2022. Esta feira especializada no eido gandeiro e agroalimentario é un dos salóns máis relevantes do sector gandeiro do noroeste peninsular. Celébrase hoxe e mañá domingo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo no marco das festas de San Froilán. 

Expolugo a Rural conta cunha mostra gandeira, na que participan as principais razas autóctonas galegas xunto a outras de ámbito nacional coa exhibición de animais vivos da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL), OVICA e ASOVEGA, AVIMÓS, VOAGA, ACRUGA, a Asociación de Cabalo de Pura Raza Galega e Can de Palleiro. Tamén inclúe unha mostra agroalimentaria de razas autóctonas na que os produtores exhiben e venden os seus produtos e outra exposición de artesanía con demostracións e venda de produtos. Así mesmo, hai unha mostra de maquinaria agrícola e unha zona comercial con empresas relacionadas co medio rural, a innovación e servizos para o sector gandeiro e agrario. As presentacións e degustacións de produtos, charlas técnicas e exposicións complementan a oferta de actividades.

A feira supón unha oportunidade para potenciar os negocios, a innovación e a competitividade no sector primario da provincia, xa que conta coa presenza de empresas relacionadas con este ámbito que presentan os últimos equipamentos e servizos dispoñibles no mercado. 

ExpoLugo A Rural estará aberta este sábado e o domingo, en horario continuo de 11.00 a 20.00 horas. A entrada de balde.