Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente recibe á atleta do Saviñao Nuria López, 33 veces campioa de España en cadeira de rodas

nuria lopez
O Saviñao
A atleta atesoura 33 medallas de ouro nas distancias de 200, 400 e 100 metros e ao longo da súa traxectoria profesional bateu ademais o récord de España 8 veces nas diferentes modalidades

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu este martes no Pazo de San Marcos á atleta do Saviñao Nuria López Fernández, 33 veces campioa de España en cadeira de rodas. Tomé Roca recoñeceu a traxectoria profesional desta deportista que atesoura medallas de ouro nas distancias de 200, 400 e 100 metros, batendo ademais o récord de España ata 8 veces nas diferentes modalidades.

José Tomé destacou que “o deporte é unha ferramenta moi poderosa para a integración e a inclusión das persoas con mobilidade reducida” e puxo en valor o exemplo da deportista do Saviñao, “que co seu esforzo e dedicación converteuse nunha gran campioa”. O mandatario provincial fíxolle entrega á campioa dunha figura gravada coa fachada do Pazo provincial para agradecerlle o seu labor de levar o nome da provincia por todo o territorio nacional.

Nuria López Fernández empezou a practicar atletismo no 2015, case por casualidade, e o seu afán de superación levouna a competir ao máis alto nivel. Agora ten a aspiración de participar nun Mundial.