Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación mostra o seu compromiso coa Fundación Uxío Novoneyra

Fundación Uxío Novoneyra
Folgoso do Courel
José Tomé Roca destacou o apoio a esta entidade que traballa pola posta en valor do legado do poeta lucense, coa que a institución provincial colabora de xeito permanente dende os seus comezos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este xoves a sede da Fundación Uxío Novoneyra, en Parada de Folgoso do Courel, xunto ao secretario da entidade e fillo do poeta lucense, Uxío Novoneyra. Tomé Roca mostrou o seu compromiso co entidade cultural, coa que a institución provincial leva traballando dende a súa fundación.

José Tomé, que é o primeiro mandatario provincial en visitar as instalacións, recoñeceu que “é un pracer visitar por primeira vez esta casa que a familia de Uxío Novoneyra recuperou para dar a coñecer o patrimonio e a súa historia”. “Ademais, traballan para a recuperación da paisaxe ou o impulso de actividades culturais, onde se dá a coñecer a historia e a cultura labrega”, afirmou.

“A recuperación do noso patrimonio é moi importante porque, se isto se perde, nuns anos ninguén saberá o que había nin coñecerá a historia que hai detrás. Por iso, dende a Deputación valoramos o traballo diario desta entidade e seguiremos colaborando. Isto forma parte da nosa historia”, subliñou José Tomé. O traballo da entidade tamén foi recoñecido na primeira edición dos premios á excelencia turística da provincia, no ano 2020, convocados polo Consello de Turismo, que promoveu e preside a Deputación.

A institución provincial mantén unha firme colaboración dende hai anos e, en 2021, o goberno provincial achegou 16.500€, que permitiu a contratación de tres técnicos a media xornada. Este ano inviste 20.000€ a través dunha subvención nominativa da área de Cultura.

Uxío Novo celebrou a visita do Presidente e destacou que “despois de anos de traballo na protección e conservación do legado de Uxío Novoneyra estamos orgullosos de poder render contas e amosar o resultado de 12 anos de colaboración permanente”. O secretario destacou que o apoio provincial permitiu á fundación Uxío Novoneyra ser “unha entidade innovadora dento do patrimonio cultural do noso país”.

Durante a visita, José Tomé, asinou no Libro de Honra da entidade.