Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación reivindica as necesidades específicas do rural no I Foro de Identidades e Disidencia Sexuais de Galicia

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, interveu na mesa de traballo sobre sanidade e educación, onde incidiu na necesidade de incorporar a perspectiva do rural a este tipo de debates “porque en moitas ocasións o discurso sobre inclusión e diversidade faise en clave urbana”

A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, participou este mércores no I Foro de Identidades e Disidencias Sexuais de Galicia, organizado polo Consello da Cultura de Galicia na súa sede, en Santiago de Compostela. “Levamos anos insistindo na necesidade de incorporar a perspectiva de xénero ás políticas públicas, á xustiza, ao emprego ou aos servizos sociais, pero tamén é imprescindible incorporar a perspectiva do mundo rural a este tipo de debates, porque en moitas ocasións, o discurso sobre inclusión e diversidade faise en clave urbana, de grandes cidades, e todos e todas sabemos que problemas como a violencia de xénero ou a discriminación pola orientación sexual, por citar só dous exemplos, son aínda máis difíciles de afrontar nas contornas rurais”, expuxo a Deputada.

María Loureiro incidiu neste sentido na necesidade de seguir traballando para sensibilizar aos concellos na atención ás persoas LGTBIQA+ e tamén de recuperar e reforzar a sanidade e a educación no rural porque “uns servizos públicos infradotados, sobrecargados, onde faltan especialistas como os pediatras ou que non garanten a atención psicolóxica, son uns servizos públicos que non poden atender ben ao conxunto da cidadanía, e que non van dispoñer de recursos, tempo ou sensibilidade para atender as demandas do colectivo LGTBI”. Por iso, afondou, “as súas demandas específicas en materia de educación e sanidade teñen que servir como un elemento máis para reclamar a mellora impresincible deste servizos públicos, sobre todo no medio rural”.