Deputación de Lugo

A Deputación, na conmemoración en Monforte do 150 aniversario das Unidades Militares do Ferrocarril

muferga
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo participou no Museo do Ferrocarril de Galicia nunha conferencia do Coronel Luís Poveda Martín e na inauguración dunha mostra organizada con motivo da efeméride que poderá visitarse ata o 30 de novembro

A Deputación de Lugo colabora co MUFERGA a través dunha achega de 20.000€ para impulsar este recurso como motor turístico da Ribeira Sacra

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores nos actos de conmemoración do 150 aniversario das Unidades Militares do Ferrocarril, celebrados na sede do Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA), en Monforte. A programación incluíu unha conferencia do Coronel Luís Poveda Martín e a inauguración dunha mostra conmemorativa da efeméride, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de novembro.

García Porto estivo acompañada polo director do Museo do Ferrocarril de Galicia, Luís Blanco, a Tenente de Alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada, e os coroneis Luís Poveda e Manuel Montero, entre outras autoridades.

A creación das Unidades Militares do Ferrocarril tivo lugar cunha Real Orde en 1872, para a reorganización das tropas dos enxeñeiros na península. Estas seccións tiveron un papel moi importante na loxística do transporte de personal y material das forzas do Exército de Terra.

O horario habitual deste museo é de martes a venres, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00horas. Os sábados, domingos e festivos as instalacións do MUFERGA poden visitarse de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. 

A Deputación de Lugo achega 20.000€ ao Museo do Ferrocarril de Galicia para impulsalo como un motor turístico da Ribeira Sacra. Unha achega que se materializa a través dun convenio de colaboración entre ambas entidades e que se enmarca no compromiso da institución provincial coa difusión e posta en valor da cultura, a historia e o patrimonio para impulsar a economía, o sector hostaleiro, o comercio e o turismo.