Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo inaugura mañá a exposición fotográfica Engurras, da lucense Esther López Álvarez

Deputación de Lugo
A mostra, situada corredor de Plenos do Pazo de San Marcos, conta con 10 fotografías de persoas do rural da provincia de Lugo entre 70 e 100 anos

A Deputación de Lugo inaugurará mañá venres  a exposición fotográfica Engurras, de Esther López Álvarez, no corredor de acceso ao Salón de Plenos do Pazo de San Marcos. A mostra, que poderá verse ata o 8 de novembro, inclúe 10 imaxes de retratos e de mans de veciños e veciñas do rural da provincia de Lugo.

A autora, natural de Baralla, explica que a colección fotográfica naceu como homenaxe á súa avoa e trasladouse ao proxecto final de Formación Profesional de Fotografía, estudos que cursou na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón. Entre os retratados aparecen veciños de Baralla, Monterroso, Becerreá ou o barrio de San Fiz, en Lugo, entre outros, que a fotógrafa se foi “atopando no camiño” e retratando.

“Son 10 imaxes de persoas de entre 70 e 100 anos do rural, persoas que traballaron e que as súas mans son un retrato da súa vida de traballo. Optei por xente do rural porque eu son do rural, son de Baralla e é o que vin dende pequena”, explicou Esther López. Así mesmo, destacou que comezou a traballar os retratos e deuse conta de que “as mans contábanme historias, dicían algo máis”.

Os concellos de Viveiro e Carral galardoaron dúas fotografías deste proxecto, e recibiu os premios extraordinarios nas Ensinanzas Artísticas Profesionais nas modalidades de Música, de Danza, e de Artes Plásticas e Deseño de Galicia, no curso 2020/21.