Deputación de Lugo
Formación

A Deputación participa no I Simposio de Formación e Innovación Educativa que impulsa a USC

USC
Inauguración I Simposio Formación

A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, participou este xoves na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo na inauguración do I Simposio de Formación e Innovación Educativa Forinnova, que impulsa a Universidade de Santiago (USC) coa cooperación da Rede RIES. Neste primeiro foro, que pretende ser un espazo de encontro, debate e formación para estudantes e profesionais do ámbito educativo, colaboran outras institucións internacionais como a Universidade Federico Henríquez e Carbajal, da República Dominicana, ou a Universidade de Playa Ancha, de Chile.

González Abelleira, felicitou na súa intervención aos organizadores por esta iniciativa,  xa que encontros como este “nos levan a reflexionar sobre os retos aos que actualmente se enfrontan os docentes”, uns desafíos “tan complexos como apaixonantes”, pois “as características do alumnado, sobre todo na infancia e na adolescencia, cambiaron, e as novas tecnoloxías asentáronse definitivamente no entorno educativo, especialmente a raíz das restriciónsda pandemia”. Así mesmo, destacou que “cada vez resulta máis importante incorporar enfoques transversais como os valores, a ecoloxía ou a formación en igualdade de xénero”. 

A Deputada lembrou que na institución provincial “mantemos unha longa traxectoria de colaboración coa Universidade pública”, que se traduce en medidas tan importantes como a cesión gratuíta de terreos para construír unha nova e moderna facultade de Formación do Profesorado no Campus lucense.