Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo inaugurará o venres a residencia de Navia de Suarna

rede de centros de atención a maiores
Navia de Suarna
É o quinto Centro de Atención a Maiores que pon en marcha a institución no que vai de mandato e o oitavo da rede provincial, pois xa están en marcha os de Trabada, Ribadeo, Pol, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, A Fonsagrada e Meira

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurará o vindeiro venres o  Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, xunto ao Alcalde da localidade, José Fernández, nun acto no que participarán membros das corporacións provincial e municipal, persoal que atenderá a residencia e persoas que entrarán a vivir nela, ademais de veciños e veciñas.

A residencia de Navia é a quinta que abre a Deputación no que vai deste mandato con José Tomé á fronte da institución, e o oitavo da rede provincial, pois xa están en marcha as de Trabada, Ribadeo, Pol, Castroverde, Pedrafita, A Fonsagrada e Meira.

O CAM de Navia de Suarna contará con 30 prazas de residencia e xerará 25 postos de traballo directos, aos que se sumarán empregos indirectos pola dinamización da economía local que levará consigo a apertura da residencia. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Navia teñen prioridade de acceso ao centro, logo os dos municipios limítrofes e, seguidamente, os do resto da provincia de Lugo. Do mesmo xeito, o custe da praza adaptarase á capacidade económica de cada persoa maior para que todos poidan acceder á mesma. Está previsto que os primeiros preingresos comecen xa o venres 4.