Deputación de Lugo
Turismo

140 veciños e veciñas de cinco concellos viaxan entre hoxe e o venres co programa Coñece a túa provincia

Coñece a túa Provincia
A Deputación de Lugo impulsa este programa de rutas gratuítas, no que esta semana participarán integrantes de asociacións de Láncara, Lugo, Riotorto, Viveiro e O Páramo

Uns 140 veciños e veciñas de cinco concellos da provincia participarán esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. As entidades, dos concellos de Láncara, Lugo, Riotorto, Viveiro e O Páramo, viaxarán entre este mércores e o venres polo territorio lucense grazas ás viaxes gratuítas que impulsa a institución provincial para colectivos sen ánimo de lucro co obxectivo de que a veciñanza da provincia coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio.

Este mércores, a Asociación Cultural Veciñal Río Pombo, de Láncara, e a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER) viaxan á Mariña. A entidade lancaresa comezou a súa viaxe visitando o Mazo de Santa Comba para despois achegarse ao concello do Valadouro e Alfoz. Nestes municipios visitarán o Pozo da Onza, Ferreira do Valadouro e a Finca Galea. O colectivo lucense coñecerá o concello de Cervo e o seu patrimonio natural e cultural, tras visitar a Granxa Gayoso Castro. 

O xoves será a quenda da Asociación Coro Parroquial de Riotorto, que coñecerá a Produtora de Audiovisuais da Deputación e, posteriormente, partirá cara Sober, onde visitará unha adega en Amandi, algúns dos miradoiros do concello con vistas ao río Sil e o patrimonio románico do municipio. A Fundación Galicia Obra Social, de Viveiro, será o outro colectivo que viaxará o xoves. Coñecerá o Pazo de San Marcos e achegarase á Montaña, onde percorrerá Becerreá, As Nogais e Cervantes, con paradas en Ponte Gatín, a Torre de Doncos ou o Castelo de Doiras. 

Para rematar a semana, a asociación Rivas de Miño, do Páramo, desprazarase ao concello de Sober tras facer unha parada na produtora do Servizo de Audiovisuais da institución provincial, e, por outro lado, Sociedade San Vicente de Pías, de Lugo, fará unha visita á Granxa Gayoso Castro e, posteriormente, visitará os concello de Burela e Foz. 

Nesta segunda edición do programa Coñece a túa Provincia, que comezou na primavera, xa participaron 2.000 persoas. Este outono son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan coas súas reservas para viaxar pola provincia ata este mes de novembro.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.