Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Rivera Capón pon como exemplo o modelo asistencial da Deputación para envellecer dunha forma “plena e activa”

benestar
Residencias
envellecemento activo
O Deputado reivindicou a institución como referente en políticas sociais durante a primeira Xornada de Envellecemento Activo Vivir con Dignidade, organizada en San Marcos pola entidade provincial en colaboración coa Unión de Xubilados e Pensionistas Lugo de UXT

Asociacións e representantes do sector social e económico asistiron a este primeiro encontro, no que coñeceron a atención e os coidados que ofrece a Deputación nas 7 residencias que ten en funcionamento

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, clausurou o encontro, no que destacados expertos en xeriatría abordaron cuestións como a dependencia, a soidade e a fraxilidade ou a revaloración das pensións

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, xunto á Secretaria Xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas Lugo do sindicato UXT, Dolores Vieiro Núñez, inaugurou este xoves a  primeira edición da Xornada de Envellecemento Activo, Vivir con dignidade, organizada pola Deputación e a UXT de Lugo. O encontro reuniu ao longo da mañá no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a numerosos representantes de asociacións e entidades sociais e económicas da provincia.

No acto inaugural, Pablo Rivera destacou a boa acollida desta xornada e dixo estar convencido de que será “a primeira de moitas”. Este tipo de encontros, asegurou, “demostran o firme compromiso desta institución coas políticas sociais, con medidas moi concretas, como o Servizo de Axuda no Fogar e a teleasistencia 24 horas, pero especialmente coa rede de centros públicos de atención de maiores”.

Os participantes coñeceron de primeira man a atención e os coidados que ofrece a Deputación nas 7 residencias que ten en funcionamento grazas a un modelo, que “é un exemplo de atención pública centrado nas persoas, que favorece o arraigo e xera riqueza nos pequenos concellos”, recalcou o Deputado. “En definitiva, un modelo asistencial para envellecer con dignidade, dunha maneira plena e activa”, indicou.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, clausurou o encontro, que contou con varios relatorios e unha mesa redonda ao longo da mañá, na que destacados especialistas e representantes no ámbito da xeriatría reflexionaron sobre os actuais desafíos aos que se enfrontan as persoas maiores para a mellora da súa calidade de vida, abordando asuntos como a dependencia, a soidade e a fraxilidade ou a revalorización das pensións.

Nesta primeira edición participaron expertos como a Xefa de Xeriatría do Hospital de Lugo (HULA), Rocío Malfeito Jiménez, o director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e directoras e persoal das residencias da Deputación.