Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación promove o debate sobre alternativas ao uso do petróleo no sector primario co apoio a unhas xornadas celebradas no Muvicla

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
Mónica Freire
Muvicla
PETRÓLEO
COMBUSTIBLES
O debate xirou arredor da necesidade de definir un novo paradigma enerxético alonxado da dependencia dos combustibles fósiles, agudizada pola suba dos prezos

Medio Rural da Deputación de Lugo colaborou na segunda edición das “Xornadas sobre alternativas ao uso do petróleo en aplicacións agrícolas”, que se desenvolveu o pasado 2 de novembro no Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria (MUVICLA), en Láncara. 

Unha temática de máxima actualidade e interese para o sector primario polos prezos que están alcanzando o gasóleo agrícola, os plásticos e os fertilizantes e polas perspectivas de esgotamento dun recurso non renovable como é o petróleo.

Ao longo da xornada, profesionais e investigadores especializados analizaron os novos horizontes a nivel enerxético na agricultura. As ponencias centrais correron a cargo de Xosé Ramón Doldán García, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela e ex-director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que falou sobre as alternativas ao uso do petróleo na maquinaria e nos insumos agrícolas, e de Joao Brandao Rodriguez, veterinario e presidente da Asociaçao Portuguesa de Tracçao Animal, que expuxo as vantaxes que supón esta alternativa aos tractores. 

Na sesión de tarde celebrouse unha mesa redonda sobre “Agricultura e Alimentación ¿Con qué enerxía?” moderada polo xornalista editor do programa A Labranza da TVG, Manuel Cruz Rodríguez, na que gandeiros, como o biólogo Francisco Xavier Fernández Arias, e propietario da gandería de ovino e vacún de carne da Caldaloba integrada no programa “Da Escola á Granxa”,  e técnicos e outros expertos na materia expuxeron os seus puntos de vista,

A deputada de Medio Rural, Mónica Freire, subliñou que "a necesidade do debate sobre a optimización de custes enerxéticos nas granxas galegas, agudizado tras o inicio da guerra na Ucraína. Máis do 80% da enerxía que empregamos nos nosos procesos produtivos primarios segue a proceder de xeito directo ou indirecto do consumo de combustibles fósiles: petróleo, carbón e gas, o que condiciona determinantemente a viabilidade económica das mesmas"

“Estamos nunha situación mundial de incerteza. Galiza ten unha enorme capacidade para producir electricidade pero a nosa taxa de dependencia enerxética segue estando por enriba do 95%, que limita as posibilidades de acadar unha produción primaria propia para acadar a soberanía alimentaria", expuxo.

Marcos Vázquez, organizador das xornadas, destacou a necesidade de converter as ameazas en oportunidades e a urxencia de pensar nun novo paradigma de aforro enerxético coa redución do consumo eléctrico, o uso de novas fontes de enerxía como a biomasa, e o uso crecente de tracción animal en tarefas agrogandeiras e forestais máis específicas, ou aplicación de novas tecnoloxías como o motor de ciclo Otto con consumo de metano, entre outras cuestións"

 A xornada completouse cunha visita polas instalacións a todos os asistentes poloas achegas patrimoniais que se agochan na colección museográfica do Muvicla, que con esta segunda edición consolida as Xornadas na axenda de gandeiros, técnicos e investigadores.