Deputación de Lugo
Formación

Pablo Rivera destaca o valor da Universidade para afrontar as crises e os retos “do cambio de época que protagonizamos”

UNED
O Deputado de Promoción Económica e Social participou na inauguración do curso académico do centro asociado da UNED en Lugo 2022/2023, un acto no que puxo en valor o compromiso da Deputación de Lugo co ensino público superior

Asistiron o reitor da UNED, Ricardo Marial; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a directora do centro, Ana Belén Traseira; e a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence, que impartiu a lección inaugural

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na inauguración do curso académico 2022/2023 do centro asociado da UNED en Lugo. Un acto ao que asistiron tamén o reitor magnífico da UNED, Ricardo Marial; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a directora da sede universitaria lucense, Ana Belén Traseira; e a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence, que foi a encargada de impartir a lección inaugural, O futuro é incerto, por iso debes crealo.

Rivera Capón deulle a benvida á comunidade universitaria da UNED en Lugo, ao profesorado e aos alumnos e alumnas. Puxo en valor o labor da Universidade a Distancia na provincia e lembrou que a institución provincial impulsou e financiou o centro da UNED en Lugo “como parte do compromiso que temos coa educación superior”.

O Deputado destacou o valor da Universidade para afrontar as crises e os retos provocados “polo cambio de era ou época que protagonizamos”. “O futuro é incerto. Por iso, é importante que as persoas, as sociedades e as institucións contemos con bases sólidas que nos axuden a manternos cando chegan os acontecementos inesperados ou, por desgraza adversos”, sinalou.

O ensino superior é un “deses elementos”, pois “a formación, a investigación e o coñecemento resultan fundamentais para minimizar o impacto das crises e para aproveitar ao máximo as nosas potencialidades”, recalcou Pablo Rivera, quen situou tamén como claves para superar os tempos complexos a aposta “polo noso tecido produtivo, polas empresas, pemes e autónomos que xeran riqueza e emprego, e o vínculo co local”, pois “temos que coñecer as nosas orixes e quen somos para deseñar o camiño que queremos recorrer”.

Compromiso co territorio

Neste sentido, o Deputado recoñeceu “o altísimo compromiso co territorio” tanto da UNED, coas súas actividades no Centro Asociado de Lugo e nas aulas de Foz, Viveiro e Monforte de Lemos, implicados especialmente co “desenvolvemento sostible, o coidado do medio ambiente e o fomento da igualdade”, como do Grupo Lence, en tanto que está volcado coa “modernización do noso sector primario, a creación de produtos de valor engadido, a aportación de novas formas de márketing ou o impulso do deporte”.

Pablo Rivera comprometeu o respaldo da Deputación ás iniciativas da UNED e ao tecido produtivo “porque o modelo de desenvolvemento no que cremos baséase en promover a cooperación entre os sectores produtivos, as aulas, os laboratorios académicos e a administración, convencidos de que, aínda que nunca poderemos predicir con exactitude os retos que nos depara o futuro, xuntos contamos coa determinación e as ferramentas axeitadas para facerlle fronte”.