Deputación de Lugo

Fernández Rico enmarca a colaboración coas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite no apoio da Deputación ao rural

Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
O Deputado de Recursos Sostibles participou este martes na inauguración da 19ª edición do encontro profesional, que se desenvolve entre hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria cunha achega económica da institución provincial de 12.000€

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este xoves na inauguración das XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se desenvolven entre hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, coa participación de máis dunha decena de expertos no sector lácteo e vacún. 

Fernández Rico deu a benvida aos asistentes e salientou que este encontro, co que Seragro Sociedade Cooperativa Galega recupera o formato presencial en colaboración coa institución provincial, “é un referente á hora de poñer en contacto ós gandeiros e gandeiras cos últimos avances no sector, proporcionándolles coñecementos e ferramentas útiles para facer máis sostible e competitivas as súas explotacións. Neste caso, abordando temas de relevancia como a saúde e benestar animal ou as liñas mestras da PAC para o período 2023-2027, un futuro xa inminente que se presenta complexo para o sector gandeiro polas consecuencias da guerra en Ucraína”.

Así mesmo, reiterou o compromiso da Deputación co rural e co sector primario “a través do estreito vínculo que mantemos co tecido produtivo e coa Universidade de Santiago de Compostela”, pois “as políticas públicas máis eficaces, as que mellor aproveitan as capacidades do territorio e responden ás súas necesidades, son aquelas que nacen do diálogo e da colaboración cos sectores produtivos, co tecido asociativo que o aglutina e co caudal de coñecemento e innovación que aporta a Universidade pública”.

Unha colaboración grazas á que saen adiante, dixo o Deputado, “xornadas profesionais tan interesantes coma estas ou como é a Granxa Experimental de Leite que temos en marcha na granxa Gayoso Castro, onde poñemos a formación e a investigación ó servizo dos gandeiros e gandeiras da nosa provincia”. Un respaldo esencial polo alto valor que o sector primario ten “para a economía, o emprego, para fixar poboación e combater a sangría demográfica que sufrimos, para a ordenación do territorio e a prevención de incendios forestais, e para a propia supervivencia da nosa identidade cultural e como país”. 

Xunto ao Deputado provincial de Recursos Sostibles, no acto de apertura das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite tamén participaron o presidente de Seragro, Víctor Manrique, o Decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández,  e a Concelleira de Gobernanza de Lugo, Paula Alvarellos. 

A institución provincial achega 12.000€ para a celebración destas xornadas, que se desenvolverán entre hoxe e mañá, e inclúen un conxunto de relatorios que se centrarán en temas de actualidade e de interese para o sector, como o benestar animal, o cambio climático, o I+D+I, a mellora no manexo das explotacións e o leite como produto de consumo.