A Deputación lanza Acelera PEMES, un proxecto co que prestará apoio gratuíto durante dous anos ás empresas da provincia en materia de transformación dixital
“O obxectivo é axudar ás PEMES a aproveitar os recursos da dixitalización para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competitividade, produtividade, eficiencia, e para que abran novas oportunidades de negocio, algo especialmente importante cando o impacto da pandemia vén seguido das consecuencias da guerra en Ucraína”
O proxecto Acelera PEMES conta cun orzamento de medio millón de euros, dos cales o 80% proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es -dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital-, e o 20% restante apórtaos a propia institución provincial
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu no Pazo de San Marcos unha reunión de traballo que marcou o inicio do proxecto Acelera PEMES, a través do que a institución ofrecerá durante dous anos –entre este 2022 e o 2024- soporte e asesoramento de maneira gratuíta ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital.
Na reunión participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Cabpón, e os alcaldes da Fonsagrada, Carlos López, e Vilalba, Elba Veleiro -dous dos concellos que acollerán unha oficina móbil de asesoramento-, ademais da xefa de servizo da área provincial de Emprego, Julia Vázquez, e representantes das deputacións de Córdoba, Cáceres, Valencia e Soria, que tamén desenvolven esta iniciativa, cofinanciada con fondos europeos.
O proxecto Acelera PEMES da Deputación de Lugo conta cun orzamento de medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es -dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital-, e o 20% restante (100.000€) apórtaos a propia institución provincial.
O obxectivo, explicou o Presidente, “é axudar ás pequenas e medianas empresas a aproveitar os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, e para que abran novas oportunidades de negocio. Algo que sempre é importante, pero máis nestes tempos nos que, lamentablemente, o impacto da pandemia vén seguido das consecuencias sociais e económicas da guerra en Ucraína”.
Rede de aceleradoras por toda a provincia
Gracias a esta iniciativa, a Deputación manterá ata o ano 2024 unha rede de oficinas, que contará con 7 traballadores e traballadoras. Co fin de que “sexa útil e de que beneficie ao maior número de empresas posible”, e “tendo en conta as características de alta dispersión da nosa provincia”, haberá unha oficina con sede física na Deputación; outra virtual; e cinco móbiles nos concellos da Fonsagrada, Viveiro, Vilalba, Monforte de Lemos e na comerca de Sarria. Complementariamente haberá 21 aceleradoras adxacentes nas que só existirá un espazo físico para levar a cabo reunións ou encontros.
Desta forma, a Deputación prestará con este proxecto “un asesoramento gratuíto, próximo ás empresas e personalizado, é dicir, adaptado ás características e necesidades de cada negocio”, asegurou o Presidente, quen concretou que poderán participar todas as PEMES que estean interesadas, co único requisito de ter sede física nalgúns dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos menos o da capital, que dispón doutras iniciativas e recursos para ofrecer este tipo de servizos.
Co proxecto Acelera PEMES, a Deputación reforza “o importante labor que estamos facendo para apoiar a economía e os sectores produtivos, unha das liñas de actuación estratéxicas da nosa acción de Goberno, como así reflexan os Orzamentos para o vindeiro ano 2023 que precisamente aprobamos onte no Pleno”. “Se con este tipo de políticas públicas axudamos a fortalecer e diversificar as empresas, estaremos creando novas oportunidades económicas e, polo tanto, de emprego na nosa provincia, sobre todo para o noso rural”, recalcou.